post

Íntegro impulsa o novo programa xuvenil Reacciona para fomentar a reciclaxe e a inclusión social a través de actividades sostibles

Trátase dunha iniciativa subvencionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

O pasado xoves, a sede da asociación Íntegro (Nantón-Cabana de Bergantiños) acolleu  a presentación do proxecto BOOR, unha iniciativa artística que busca combinar arte e sostibilidade. Durante o obradoiro, impartido pola responsable da empresa, as persoas participantes tiveron a oportunidade de coñecer de preto esta innovadora proposta encamiñada á creación de pezas únicas a partir de materiais recollidos nas praias, como boias e flotadores abandonados, fomentando así a reciclaxe e a conciencia ambiental. Así mesmo, os integrantes do noso grupo xuvenil realizaron un pequeno taller empregando a técnica de debuxo que emprega para as súas creacións artísticas.

Esta acción forma parte do programa de actividades xuvenís Reacciona, posto en marcha o pasado mes de maio. Trátase dunha iniciativa promovida coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, que ten como obxectivo principal concienciar sobre a importancia da reciclaxe dos materiais plásticos para o coidado do medio ambiente, promovendo ao mesmo tempo a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.

Reacciona nace como resposta á necesidade de integrar á mocidade nun modelo de desenvolvemento sostible, apostando pola educación ambiental e a colaboración entre entidades sociais e ambientais. As actividades, que se desenvolverán entre xullo e setembro, inclúen visitas didácticas, obradoiros formativos e encontros con proxectos e profesionais do sector da reciclaxe e da economía circular.

Aprendizaxe, visitas e acción social

Entre os obxectivos específicos do programa destacan:

  • Identificar e clasificar os distintos tipos de plásticos e as súas aplicacións.
  • Coñecer os procesos de fabricación e o impacto ambiental dos produtos plásticos.
  • Fomentar a reflexión crítica e a responsabilidade individual no uso, redución e reutilización destes materiais.
  • Promover o traballo colaborativo entre organizacións sociais e ambientais.

O calendario inclúe ademais estes outros espazos e proxectos de referencia:

  • SOGAMA (11/07): coñecemento de primeira man da xestión integral de residuos en Galicia.
  • Aula do Freixo (24/07): Centro de transformación de residuos mariños
  • Exposición no Aquarium da Coruña (07/07): aproximación á contaminación mariña por plásticos.
  • Aspaneps- Proxecto Ártabro Inclusivo (setembro): sensibilización ambiental e dinamización da rede de colaboradores con limpezas costeiras e actividades divulgativas.
  • Netcycle (09/09): proxecto de Ecoplas baseado na reutilización do desperdicio plástico para darlle unha segunda vida útil.
  • Antonia Studio (pendente confirmar cita): deseño sostible e economía circular.

Tamén se impartirá a charla divulgativa “SOS Planeta Terra” o 28 de xullo e un obradoiro formativo Diversiplás, centrado na transformación de plásticos reciclados en novos obxectos.

Con este programa, Íntegro reafirma o seu compromiso coa xuventude, o medio ambiente e a igualdade de oportunidades, favorecendo a participación activa de persoas con discapacidade en accións de alto valor social e educativo.

As prazas son limitadas e xa está aberto o prazo de inscrición a través do teléfono 981 734 985
ou do mail: info@integro.es.

 

post

La Caixa de Baio, en Zas, financia o programa de vida comunitaria de Íntegro

Esta aportación económica posibilitará a realización de saídas ao exterior para promover as relacións sociais e desenvolver actividades cotiás de forma autónoma 

En Íntegro estamos de parabéns! A oficina de La Caixa de Baio, en Zas, fixo entrega dunha axuda económica á nosa entidade co obxectivo de financiar o programa de actividades de vida comunitaria no exterior.

O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a directora de La Caixa de Baio, María Martínez, durante a sinatura

Logo dun ano especialmente difícil para as persoas con diversidade funcional, debido ao longo confinamento provocado pola COVID-19, a iniciativa foi acollida con gran alegría e satisfacción tanto polo persoal e equipo directivo do centro como polos propios usuarios e usuarias, que ven así cumprido o soño colectivo de retomar as actividades no exterior e realizar saídas en grupos reducidos,  mantendo as medidas de seguridade e hixiene, como viñamos facendo ata agora.

Recuperar a nosa vida social comunitaria resulta imprescindible para garantir o benestar e desenvolvemento persoal das persoas con diversidade funcional, sobre todo,  tras tantos meses de inactividade, nos que as relacións interpersoais quedaron limitadas ao grupo de conviventes.  Agora, máis ca nunca, urxe retomar as relacións sociais e realizar de novo actividades cotiás que nos aporten experiencias gratificantes e enriquecedoras e que, ademais, posibiliten o desenvolvemento dunha vida comunitaria inclusiva, de calidade e 100% autónoma. Grazas a La Caixa de Baio, farémolo realidade.