post

Instalada unha marquesiña en Íntegro para as persoas usuarias do transporte adaptado  

A construción metálica, que ocupa boa parte do aparcadoiro, foi sufragada pola Deputación Provincial da Coruña con cargo ao Programa de Subvencións a Entidades Sen Fins de Lucro para o Investimento de Servizos Sociais no ano 2020 (FOIE)

Encántanos darvos boas novas e máis cando xa nos atopamos ás portas do Nadal e todo parece contaxiarse de certa maxia e ilusión. Nesta ocasión, máis que dun soño, trátase dunha antiga demanda feita ao fin realidade.

Todas as persoas que formades parte da gran familia Íntegro sabedes que dende hai tempo urxía a instalación dunha marquesiña dentro do noso recinto de Nantón para protexer aos nosos usuarios/as, a maioría con mobilidade reducida, das inclemencias meteorolóxicas durante a entrada e saída dos vehículos de transporte adaptado.  

Grazas á aportación da Deputación Provincial de A Coruña, a través do seu Programa de Subvencións a Entidades Sen Fins de Lucro para o Investimento de Servizos Sociais no ano 2020 (FOIE), vimos de acometer os traballos de construción dunha cuberta metálica instalada en boa parte do aparcadoiro do noso centro. Agora, seguro que as dificultosas e laboriosas transferencias dos vehículos de transporte aos andadores ou ás cadeiras de rodas, e viceversa, resultarán máis sinxelas e cómodas tanto para os nosos usuarios/as como para as monitoras encargadas de realizar esas labores. Adeus a loitar á intemperie contra vento e….choiva!

post

Rematadas as obras de mellora e impermeabilización da cuberta de Íntegro

Trátase dunha obra co-financiada pola Fundación ONCE,  dentro da convocatoria de proxectos do Plan de Prioridades da entidade para 2020, e a Deputación Provincial da Coruña a través do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para o investimento de servizos sociais do 2020

En Íntegro estamos de estrea tras a realización das obras de mellora e impermeabilización da cuberta do noso centro de Nantón, en Cabana de Bergantiños, levadas a cabo para optimizar as condicións de habitabilidade e confort do edificio. Trátase dunha obra, co-financiada pola Fundación ONCE, dentro da convocatoria de proxectos do Plan de Prioridades de dita entidade, e a Deputación Provincial da Coruña, a través do programa de subvencións destinado a entidades sen fins de lucro para o investimento de servizos sociais para o 2020. 

Sen dúbida, a execución destes traballos redundará nun maior benestar e calidade de vida para as persoas usuarias do centro así como para os traballadores/as e visitantes que se acheguen ata as nosas instalacións, ademais de posibilitar a obtención dun maior aforro enerxético e un uso máis eficiente da enerxía, evitando así posibles filtracións e logrando, pola contra un maior illamento térmico.

Esta actuación vén a complementar o proxecto de reparación e acondicionamento integral da nosa cuberta exterior así como o proxecto de formación de Fachada Ventilada do Centro de Recursos Íntegro, acometida o ano pasado.