post

Un carné con moitos beneficios

  • Esta temporada os socios e socias de Íntegro disporán de importantes vantaxes económicas en preto de trinta empresas, comercios e establecementos de seis concellos da Costa da Morte
  • A entidade premia así a  fidelidadedos asociados ao tempo que promociona o comercio de proximidade

O outono chega a Íntegro e faino cargado de novidades e vantaxes. E unha das primeiras e máis interesantes vai dirixida aos seus socios e socias. Trátase da nova campaña de fidelidade para asociados/as que vén de poñer en marcha a entidade no ano no que celebra o seu 25 aniversario. Grazas á colaboración de numerosas empresas, comercios e establecementos da Costa da Morte, pertencer á familia Íntegro vai ter un valor engadido. A partir de agora, todas as persoas que posúan o carné de socio/a poderán beneficiarse de interesantes descontos e promocións á hora de realizar as súas compras e/ou xestións así como ao contratar determinados servizos. Para o seu presidente Adolfo López Baña, esta iniciativa “pretende ser un pequeno xesto de agradecemento co que recoñecer e premiar a lealdade de todas as persoas que, coa súa colaboración desinteresada, fan posible que sigamos traballando e medrando en recursos e actividades, ademais de axudar a promover o comercio de proximidade”.

Esta temporada mercar un ordenador, ir ao salón de peiteado ou recibir unha masaxe será entre un 5% e un 50% máis barato para todos os socios/as de Íntegro que presenten o seu correspondente carné nalgunha das preto de trinta empresas e comercios adheridos a esta campaña e pertencentes aos concellos de Vimianzo, Laxe, Ponteceso, Cabana, Zas e Carballo. Xunto aos descontos,  ofertas e promocións dunha ampla selección de produtos tamén se realizarán sorteos e agasallos de numerosos artigos e servizos de uso cotiá (alimentación, téxtil, beleza, ocio…). Deste xeito, ademais de gratificar aos aboados e aboadas tamén se pretende promover a economía local e o comercio de proximidade.

Aínda que a campaña xa botou a andar, as persoas que estean interesadas en participar aínda están a tempo de facelo, ben como socios/as da entidade ou como establecemento adherido á rede de empresas colaboradoras. Abonda con chamar ao 981 734 985, de luns a venres en horario de 09 a 17h.

A partir de agora saca o carné de Íntegro cando merques nalgún dos seguintes establecementos e benefíciate das súas vantaxes.

Baio (Zas): Calzados Paco Home, Calzados Paco Muller, Óptica Arjomil, Parafarmacia Horizonte, Fisioterapia Vértebra, Alicia Novas Podoloxía, Centro Dental Baldomar, Muebles Galicia, Lencería marta, Psicoloxía Tania Rojo

Cabana: Fisioterapia Eva Senande, Amamber

DonClic, Modas Suárez, Peluquería DobleV, Deportes San Remo

Laxe: Colaxe

Ponteceso: A Tenda dos Libros, A Pesqueira Zapatería, Xoiería Rey Mira, O Mundo ao Revés, Pettit Moda, Parafarmacia Horizonte

Vimianzo: Arranxos Beatriz, A Tenda de Ma, Centro de Estética Jenn, Mónica Coscoñas, Modas Vigo, Clínica de Podoloxía Mª Cristina Varela Novo