post

Íntegro celebrará o Día da Diversidade en Carballo cun espectáculo de Mamá Cabra para todos os públicos

Os convites para asistir á actuación, que terá lugar na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo,  poden retirarse a partir do mércores 27 na biblio ata completar o aforo

O Día Internacional da Diversidade vense celebrando dende o ano 1992 co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades en todos os ámbitos da sociedade e o desenvolvemento, pero tamén de concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural. O 3 de decembro é, polo tanto, unha data para a reivindicación, pero tamén para a visibilización das diversidades e para a celebración. A Asociación Íntegro aposta este ano por unha conmemoración en clave festiva, tratando de achegar á cativada a ese modelo de sociedade inclusiva polo que levamos tantos anos traballando.

O Día da Diversidade celebrarase na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo cun espectáculo de Mamá Cabra, protagonizado por Gloria Mosquera e Diego Maceiras ao acordeón. Cos “Contos para un mundo mellor” queremos seguir avanzando na eliminación dos prexuízos sobre as persoas con discapacidade, e por iso convidamos ás familias a participar con nós dunha tarde de música e diversión.

A actuación comezará ás 18.00 horas, e ao remate teremos a oportunidade de compartir con todas as persoas asistentes unha merenda saudable elaborada polos usuarios e as usuarias de Íntegro. Tamén contaremos cun pequeno stand no que poderedes ver algún dos traballos que facemos no noso centro ocupacional. E, sobre todo, teremos a ocasión de cantar e bailar con dous dos artistas máis queridos polo público infantil.

A asistencia ao espectáculo é de balde, pero por cuestións de aforo é preciso recoller convite na propia Biblioteca Rego da Balsa. As familias interesadas poderán achegarse a partir de mañá mércores, 27 de novembro, e ata fin de existencias.