post

Íntegro reforma o seu PIMD Rural coa incorporación da traballadora social da asociación e a apertura de novas canles de inserción laboral

  • A secretaria xeral de Igualdade da Xunta, que visitou hoxe as instalacións de Nantón, destacou a importancia de traballar na mellora das capacidades das mulleres usuarias
  • Representantes dos concellos de Cabana, Ponteceso, Laxe e Malpica asinaron un novo convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa

Coa experiencia acumulada no período 2015-2016, Íntegro inicia o 2017 co firme propósito de reforzar o seu Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no Ámbito Rural (PIMD Rural). A incorporación da traballadora social da asociación ao equipo de profesionais que xestionan o proxecto é un primeiro paso, pero este ano pretendemos centrarnos moi especialmente no ámbito laboral, e nese sentido está previsto iniciar contactos cos axentes de emprego e intermediadores laborais dos catro concellos implicados.

_MG_3976

Acto de presentación do PIMD Rural 2016-2017

Cabana, Malpica, Ponteceso e Laxe, de feito, renovaron hoxe o seu compromiso con Íntegro e co PIMD Rural, nun acto ao que tamén asistiu a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, e que se celebrou hoxe pola mañá no Centro de Recursos de Nantón. A secretaria xeral louvou o traballo que está a facer Íntegro pola inclusión da muller rural, destacou a importancia de traballar “na mellora das capacidades” para facilitar a súa inserción laboral e pediu unha atención especial para as mulleres vítimas de violencia de xénero.

IMG_6012

Susana López visitou os obradoiros ocupacionais en compañía dos responsables municipais

O PIMD Rural está cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo. No primeiro ciclo permitiu atender a 108 mulleres dos catro concellos, prioritariamente con disCapacidade, que se beneficiaron dos diferentes servizos que presta o equipo de profesionais responsable do programa. Neste primeiro bienio incidiuse na formación como unha ferramenta imprescindible para a mellora laboral das mulleres, e, de feito, o ano pasado xa se acadaron seis insercións laborais, e esta mesma semana empezarán a traballar outras tres usuarias en prácticas. Íntegro está en contacto con varias empresas da zona, e agora quere implicar aos servizos municipais relacionados co emprego para poder seguir avanzando.

Os catro concellos bergantiñáns amosáronse satisfeitos cos resultados acadados.

_MG_3998

Usuarios/as de Íntegro elaboraron xabóns de glicerina personalizados para a ocasión