post

Preto de 50 mulleres en situación de vulnerabilidade foron atendidas no PMIDRural

  • O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural, promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo ( FSE) ao abeiro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, prestou atención a 50 mulleres en 2021 
  • Ademais de accións formativas presenciais, ofrecéronse servizos de asesoramento, orientación laboral e acompañamento a colectivos de especial vulnerabilidade 

O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural) vén de pechar o período 2020/2021 cun balance máis que positivo e un notable incremento de usuarias con respecto aos últimos anos. Dende o pasado 1 de outubro foron atendidas case 50 mulleres, a maioría delas con disCapacidade e residentes en concellos rurais con baixa densidade de poboación, neste servizo promovido pola asociación Íntegro e co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade de Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), ao abeiro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a tripla discriminación á que se ven sometidas moitas das beneficiarias deste programa.

Ao longo do presente exercicio, realizáronse numerosas actuacións encamiñadas á orientación e información sobre recursos singularizados, de atención e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos para facilitar ás persoas usuarias a súa integración social. De feito, un dos máis demandados nos últimos meses foi o acompañamento na realización de trámites básicos en oficinas como o SEPE, administracións públicas ou en entidades bancarias.

 

 

A orientación laboral e o seguimento na busca de emprego foi, xunto coa realización de actividades para a mellora da empregabilidade, unha das prestacións máis requiridas polas usuarias, que tamén precisaron do noso servizo de mediación familiar e/ou intercultural.

Programa formativo

Por outra banda, a posta en marcha de novas accións formativas contribuíu notablemente a promover a igualdade de oportunidades e diminuír a discriminación á que habitualmente están sometidas as mulleres con disCapacidade e/ou en situación de especial vulnerabilidade. Neste último ano, levamos a cabo con gran éxito varios talleres sobre habilidades pre-laborais, habilidades sociais e domésticas, resolución de conflitos, auto-coidado, manexo do teléfono móbil e busca activa de emprego en época de pandemia, este último con excelentes resultados xa que logramos a inserción laboral de varias persoas usuarias en diferentes empresas da contorna.

Logo dun ano de sesións online, puidemos retomamos as clases presenciais, con grupos reducidos para garantir as medidas hixiénico-sanitarias e prestar unha atención personalizada e á medida das necesidades de cada participante.

Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres recibir formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, non dubides en poñerte en contacto con Íntegro chamando ao 981 734 985 ou enviando un mail a info@integro.es.

post

Balance positivo para o PIMD Rural con 41 mulleres atendidas nos últimos once meses

  • O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural, promovido por Íntegro e co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo ( FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, prestou atención a 5 mulleres máis con respecto ao ano anterior 
  • Ademais de numerosas accións formativas, presenciais e telemáticas, ofrecéronse servizos de asesoramento, orientación laboral e mediación orientados a colectivos de especial vulnerabilidade 

Nin o confinamento ao que nos vimos sometidos durante boa parte do primeiro semestre do ano por mor da COVID-19, nin as restricións sanitarias que seguen a condicionar as nosas vidas nesta “nova normalidade”, foron quen de paralizar a actividade do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural). Todo o contrario! O período 2019/2020 vén de pechar cun balance máis que positivo e un lixeiro incremento de usuarias con respecto ao ano anterior. 

41 mulleres con discapacidade e/ou en situación de especial vulnerabilidade do rural, cinco máis que no exercicio 2018/2019, foron atendidas de outubro a setembro deste ano no PIMD Rural, un servizo promovido pola asociación Íntegro e co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade de Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a tripla discriminación á que se ven sometidas moitas das beneficiarias deste programa.

Tras o decreto do Estado de Alarma e o conseguinte peche das nosas instalacións de Nantón, como medida de contención fronte ao coronavirus, en Íntegro puxemos en marcha un servizo de atención telefónica e on-line para atender, de forma inmediata e personalizada, as novas necesidades das usuarias do programa e continuar coa actividade formativa, que este ano centrouse na elaboración de currículos e cartas de presentación, taller de habilidades pre-laborais, resolución de conflitos e formación básica en prevención de riscos laborais. As sesión estiveron formadas por grupos moi reducidos (2/3 participantes) coa finalidade de ofrecer unha atención o máis individualizada posible e adaptada ás necesidades de cada persoa.

 Servizos para colectivos vulnerables

Por outra banda, desde o PIMD Rural tamén se desenvolveron numerosas accións, vía telemática e presencial- a través das visitas domiciliadas-, destinadas a atender a mulleres, con diversidade ou non, en situación de especial vulnerabilidade e residentes no rural. Se ti tamén es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e precisas orientación e/ou información sobre recursos singularizados, de atención, e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que faciliten ás persoas usuarias o seu proceso de integración social; Mediación intercultural e/ou familiar e orientación laboral e de acompañamento na busca de emprego, incluído o emprego por conta propia e o emprendemento, así como a prospección do mercado de traballo, a intermediación e a tutorización laboral e profesional, non dubides en poñerte en contacto con integro chamando ao 981 734 985 ou enviando un mail a info@integro.es.

post

Íntegro reforma o seu PIMD Rural coa incorporación da traballadora social da asociación e a apertura de novas canles de inserción laboral

  • A secretaria xeral de Igualdade da Xunta, que visitou hoxe as instalacións de Nantón, destacou a importancia de traballar na mellora das capacidades das mulleres usuarias
  • Representantes dos concellos de Cabana, Ponteceso, Laxe e Malpica asinaron un novo convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa

Coa experiencia acumulada no período 2015-2016, Íntegro inicia o 2017 co firme propósito de reforzar o seu Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no Ámbito Rural (PIMD Rural). A incorporación da traballadora social da asociación ao equipo de profesionais que xestionan o proxecto é un primeiro paso, pero este ano pretendemos centrarnos moi especialmente no ámbito laboral, e nese sentido está previsto iniciar contactos cos axentes de emprego e intermediadores laborais dos catro concellos implicados.

_MG_3976

Acto de presentación do PIMD Rural 2016-2017

Cabana, Malpica, Ponteceso e Laxe, de feito, renovaron hoxe o seu compromiso con Íntegro e co PIMD Rural, nun acto ao que tamén asistiu a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, e que se celebrou hoxe pola mañá no Centro de Recursos de Nantón. A secretaria xeral louvou o traballo que está a facer Íntegro pola inclusión da muller rural, destacou a importancia de traballar “na mellora das capacidades” para facilitar a súa inserción laboral e pediu unha atención especial para as mulleres vítimas de violencia de xénero.

IMG_6012

Susana López visitou os obradoiros ocupacionais en compañía dos responsables municipais

O PIMD Rural está cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo. No primeiro ciclo permitiu atender a 108 mulleres dos catro concellos, prioritariamente con disCapacidade, que se beneficiaron dos diferentes servizos que presta o equipo de profesionais responsable do programa. Neste primeiro bienio incidiuse na formación como unha ferramenta imprescindible para a mellora laboral das mulleres, e, de feito, o ano pasado xa se acadaron seis insercións laborais, e esta mesma semana empezarán a traballar outras tres usuarias en prácticas. Íntegro está en contacto con varias empresas da zona, e agora quere implicar aos servizos municipais relacionados co emprego para poder seguir avanzando.

Os catro concellos bergantiñáns amosáronse satisfeitos cos resultados acadados.

_MG_3998

Usuarios/as de Íntegro elaboraron xabóns de glicerina personalizados para a ocasión

                                                                              

 

post

A Secretaria Xeral de Igualdade visita Íntegro para asistir á presentación do PIMD Rural 2016-2017

Susana López acudirá o vindeiro luns á firma dos novos convenios de colaboración coas entidades locais  

A Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, visitará o vindeiro luns o Centro de Recursos de Íntegro para asistir, xunto aos alcaldes e representantes dos concellos de Cabana,  Ponteceso, Malpica e Laxe, á presentación do novo Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no ámbito Rural (PIMD Rural) 2016-2017, co-financiado polo ente autonómico e o Fondo Social Europeo (FSE). Ao remate, realizarase un percorrido polas instalacións para coñecer de primeira man os diferentes obradoiros ocupacionais.

IMG_20160308_121417

Sinatura do primeiro convenio de colaboración cos 4 concellos participantes

O acto dará comezo ás 12h coa exposición do balance relativo ao período 2015-2016, no que se analizarán polo miúdo os resultados obtidos durante o primeiro ciclo do PIMD Rural, no que 108 mulleres- prioritariamente con disCapacidade- se beneficiaron das accións formativas levadas a cabo nos catro municipios adheridos ao plan coa finalidade de erradicar a discriminación e a desigualdade de oportunidades mediante o desenvolvemento de actividades que facilitan o empoderamento das mulleres e reforzan o seu papel no ámbito rural. Ademais, daranse a coñecer outros datos de interese relacionados coa formación, o emprego e o número de intervencións realizadas.

A continuación, procederase á firma dos novos convenios de colaboración do PIMD Rural 2016-2017 coas entidades locais. Na grafico-todossinatura estarán presentes alcaldes e representantes dos municipios de Malpica, Laxe, Ponteceso e Cabana, que renovan así o seu compromiso cun dos colectivos sociais máis desfavorecidos.

Coa posta en marcha desta segunda etapa, que terá unha duración dun ano, reforzaranse os puntos de intervención municipais posibilitando traballar, man a man, cos servicios sociais de base, axentes de emprego e orientadores laborais co obxectivo de dar continuidade á labor de inclusión laboral e social das mulleres do rural, especialmente das que están en situación de vulnerabilidade e centrándonos nas máis desfavorecidas, como son as que teñen algún tipo de diversidade funcional.

IMG-20160308-WA0016

A xornada rematará cunha visita de todos os asistentes polas instalacións de Nantón que estará protagonizada polos nosos usuarios e usuarias xa que serán os encargados/as de dar a coñecer o traballo que desempeñan día a día tanto nos obradoiros do Centro de Día como do Centro Ocupacional.