Tras a visita a Nantón, compartindo xogos e aprendizaxe, os nosos usuarios/as desprazáronse ata Carballo para participar na súa festa de fin de verán
Un grupo de 39 nenos e nenas, de 3 a 12 anos de idade, do campamento de verán de Xolda Ocio Infantil de Carballo achegouse esta semana ata as nosas instalacións de Nantón para participar nunha nova edición do programa Visítanos, co que se pretende sensibilizar aos máis pequenos/as en materia de diversidade e inclusión. Tras unha distendida charla, protagonizada pola directora do Centro de Recursos Noelia Barreira, na que se abordou o significado de ambos conceptos, deu comezo unha xornada de aprendizaxe e diversión polas diferentes aulas para coñecer de preto o funcionamento da nosa entidade e o traballo que se desenvolve nos diferentes talleres, dun xeito ameno, entretido e moi didáctico.
Sen dúbida, os obradoiros de artes manuais foron os que máis chamaron a atención dos participantes xunto co taller de cociña. Se no primeiro aprenderon a elaborar divertidas e coloristas pulseiras de macramé seguindo a técnica que lle explicaron os nosos usuarios e usuarias, no segundo empregáronse a fondo confeccionando uns apetecibles e moi saudables petiscos a base de froitas variadas, que non dubidaron en degustar alí mesmo para repoñer folgos despois de tanta trasfega.
A elaboración de mandalas tamén foi todo un éxito entre a cativada, que apuntou sen dubidalo nin un instante para facer cadanseu deseño. Na sala de ximnasia puxeron a proba a súa habilidade e destreza con diversos xogos de habilidade, que lle serviron para comprobar a dificultade de realizar labores cotiás desde unha cadeira de rodas. Outra das actividades que espertou o interese e a curiosidade dos máis cativos/as foi o taller de fabricación de xabóns de glicerina. Logo de escoitar con moita atención as explicacións dos usuarios/as e monitoras de Íntegro, ningún peque puido resistir a tentación de elaborar o seu propio Bico de Amora. Cunha canteira de artesáns así, o futuro está garantido!
A xornada rematou cunha posta en común de todo o aprendido, que foi moito, e un convite para participar na festa de fin de verán do campamento carballés, á que asistimos o pasado venres 30 e na que tivemos a oportunidade de volver a compartir xogos e diversión, ademais dunha deliciosa merenda en compañía dos nenos e nenas de Xolda Ocio Infantil e de Balonman Xiria. Unha experiencia única e moi enriquecedora que agardamos poder repetir moi pronto.
Moitísimas grazas!