post

Un grupo de nenos e nenas do campamento de verán Xolda Ocio Infantil participou nunha xornada de sensibilización en Íntegro

Tras a visita a Nantón, compartindo xogos e aprendizaxe, os nosos usuarios/as desprazáronse ata Carballo para participar na súa festa de fin de verán

Un grupo de 39 nenos e nenas, de 3 a 12 anos de idade, do campamento de verán de Xolda Ocio Infantil de Carballo achegouse esta semana ata as nosas instalacións de Nantón para participar nunha nova edición do programa Visítanos, co que se pretende sensibilizar aos máis pequenos/as en materia de diversidade e inclusión. Tras unha distendida charla, protagonizada pola directora do Centro de Recursos Noelia Barreira, na que se abordou o significado de ambos conceptos, deu comezo unha xornada de aprendizaxe e diversión polas diferentes aulas para coñecer de preto o funcionamento da nosa entidade e o traballo que se desenvolve nos diferentes talleres, dun xeito ameno, entretido e moi didáctico.

Sen dúbida, os obradoiros de artes manuais foron os que máis chamaron a atención dos participantes xunto co taller de cociña. Se no primeiro aprenderon a elaborar divertidas e coloristas pulseiras de macramé seguindo a técnica que lle explicaron os nosos usuarios e usuarias, no segundo empregáronse a fondo confeccionando uns apetecibles e moi saudables petiscos a base de froitas variadas, que non dubidaron en degustar alí mesmo para repoñer folgos despois de tanta trasfega.

A elaboración de mandalas tamén foi todo un éxito entre a cativada, que apuntou sen dubidalo nin un instante para facer cadanseu deseño. Na sala de ximnasia puxeron a proba a súa habilidade e destreza con diversos xogos de habilidade, que lle serviron para comprobar a dificultade de realizar labores cotiás desde unha cadeira de rodas. Outra das actividades que espertou o interese e a curiosidade dos máis cativos/as foi o taller de fabricación de xabóns de glicerina. Logo de escoitar con moita atención as explicacións dos usuarios/as e monitoras de Íntegro, ningún peque puido resistir a tentación de elaborar o seu propio Bico de Amora. Cunha canteira de artesáns así, o futuro está garantido!

A xornada rematou cunha posta en común de todo o aprendido, que foi moito, e un convite para participar na festa de fin de verán do campamento carballés, á que asistimos o pasado venres 30 e na que tivemos a oportunidade de volver a compartir xogos e diversión, ademais dunha deliciosa merenda en compañía dos nenos e nenas de Xolda Ocio Infantil e de Balonman Xiria. Unha experiencia única e moi enriquecedora que agardamos poder repetir moi pronto.

Moitísimas grazas!  

post

O Programa Operativo de Emprego Xuvenil posibilita a contratación dunha técnica en Educación Infantil

A subvención concedida polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia terá unha duración de sete meses

Nos últimos anos, tanto o Centro de Día como o Centro de Recursos de Íntegro están a experimentar un crecemento constante no volume de actividades e programas dirixidos a persoas con diversidade funcional da Costa da Morte para contribuír así a mellorar a súa calidade de vida e acadar a súa plena inclusión na sociedade. Pero a ampliación da oferta formativa leva parella, ademais dun notable incremento de contidos en materia de capacitación, emprego ou  sensibilización social, a ampliación do noso cadro de persoal co obxectivo de atender unha demanda cada vez maior, máis esixente e con novas necesidades. Así, desde a entidade de Nantón (Cabana) apostamos pola formación continuada dos nosos traballadores/as e a adhesión a  programas de cooperación que promovan a contratación de novos profesionais destinados a favorecer a diversidade social dos colectivos máis vulnerables e/ou en risco de exclusión.   

Neste sentido, desde o pasado día 1 o noso cadro de persoal viuse ampliado grazas á incorporación dunha nova traballadora. Trátase dunha técnica especialista en Educación Infantil contratada a través dun programa de cooperación posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e as entidades sen ánimo de lucro, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e a inserción profesional daqueles mozos e mozas inscritos/as no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, dentro do ámbito do Programa Operativo de Emprego Xuvenil. Dita subvención está co-financiada nun 91,89% polo Fondo Social Europeo (FSE) e a Iniciativa de Emprego Xuvenil.

Ao longo dos próximos sete meses, a nova experta en Educación Infantil encargarase, por unha banda, de levar a cabo a planificación, deseño e desenvolvemento dalgúns dos talleres do Centro de Día e do Centro Ocupacional e, pola outra, da formación das persoas con diversidade funcional que asisten de forma regular aos nosos obradoiros ocupacionais e das que participan esporadicamente nalgunha acción formativa concreta ao longo do ano. Ademais, participará activamente no noso programa de ocio e tempo de lecer para complementar e ampliar os servizos prestados polo equipo de monitores/as. Un axuda extra que será ben recibida tendo en conta que nos últimos meses incrementouse o número de usuarios/as chegando a situarse na actualidade en 40 persoas.

Funcións:

  • Organización e desenvolvemento de talleres de artes manuais (bixutería, elaboración de xabóns, pintura…).
  • Realización de obradoiros de formación e capacitación (escola de adultos, novas tecnoloxías, formación especifica para a ESA, competencias clave…).
  • Programa e avalía os procesos educativos.
  • Desenvolvemento de actividades destinadas á creación de novos hábitos para o fomento da autonomía.
  • Realización de metodoloxías de xogo para estimular a creatividade, a iniciativa e a disciplina.
  • Deseñar saídas de ocio e lecer adaptadas ás preferencias e necesidades dos usuarios/as do centro.

Con esta nova contratación, englobada no Programa Operativo de Emprego Xuvenil, esperamos poder mellorar e incrementar a atención ás persoas con diversidade funcional da Costa da Morte e ás súas familias para a consecución dunha vida independente e autónoma.