post

Íntegro pon voz a 25 anos de historia

Directivos, fundadores, socios, familiares e usuarios/as protagonizaron un emotivo evento  repleto de discursos, interpretacións, imaxes, música e humor

Apenas pasaban uns minutos das 12 do mediodía cando o auditorio municipal de Cabana de Bergantiños comezou a brillar con luz propia grazas á palabra. E a primeira voz con nome foi a de Dora Mato, unha usuaria da asociación Íntegro, que arrincou os aplausos das máis de 200 persoas alí congregadas cun emotivo poema escrito por ela mesma para conmemorar 25 anos de loita e de superación en favor das persoas con diversidade funcional.

De seguido chegou a quenda do noso presidente Adolfo López Baña. A súa intervención non deixou indiferente a ninguén e arrincou as primeiras bágoas dun público entregado e moi emocionado ao lembrar os precarios pero ilusionantes comezos da asociación que “nestes 25 anos foise caracterizando pola constancia, o compromiso, o esforzo, os ideais, a valentía e a actitude de moitos homes e mulleres que apostaron por un proxecto, sentaron as bases e levantaron os pilares necesarios para unha sociedade inclusiva”, destacou ao tempo que recalcou que “ o decisivo para min é que logo destes 25 anos Íntegro existe e medrou, o que quere dicir que era necesaria e foi aceptada”.

No acto estiveron presentes moitos dos alcaldes e edís dos concellos da Costa da Morte

Tras unha detallada viaxe pola historia da entidade dende as súas orixes en novembro de 1991 nas I Xornadas dos Minusválidos” na Casa dos Veciños do Couto (Ponteceso), organizadas pola Asociación Monte Blanco, López Baña salientou a transformación social e cultural levada a cabo nas últimas décadas xa que “o minusvalismo imperaba en cada mirada, xesto, palabra, nas compras e no papel”. Así, subliñou o importante papel que xogaron a formación e a promoción laboral a través de programas como EcoEmprego (Cogami), Íntegro Xardinería e Medio Ambiente ou a creación da empresa de economía social +Porvir Xestión Social, creada en 2013. Finalmente,  Adolfo López tamén tivo palabras de agradecemento para as institucións públicas polo seu permanente apoio e colaboración e, moi especialmente, para os concellos da Costa da Morte “que cada vez están máis volcados na concesión de servizos coas entidades de iniciativa social da comarca”.  Pero antes de rematar, aproveitou a presenza do conselleiro de Política Social para lembrarlle que “a accesibilidade e a autonomía persoal son de suma importancia en toda Galicia pero no rural axudarán a que non se desvaneza día a día porque, neste asunto, facemos falta todos” recalcou.

Intervencións

Silvestre Couto moderou unha charla con “históricos” de Íntegro para falar sobre os seus inicios

Silvestre Couto (Tesoureiro), Rafael Varela (A Mundiña) e Mario Blanco (A Pesqueira), foron algunhas das voces históricas da entidade que describiron sobre o escenario os duros pero divertidos comezos: as primeiras reunións, as viaxes, as ilusións e os proxectos dos inicios como o desfile de moda Ponte Moda 1993. Anécdotas que deron paso aos eloxios e loanzas do presidente de COGAMI e COCEMFE, Anxo Queiruga, que exaltou a labor desempeñada por Íntegro “sendo capaces de facer realidade un soño sen perder nunca o rumbo”. Na mesma liña, o alcalde de Cabana, José Muíño, transmitiu a súa admiración, respecto e gratitude polo traballo e o legado que deixa a asociación Íntegro. Isto facíao sentando sobre unha cadeira no escenario “para estar a vosa altura” mentres se desculpaba “por non ter feito máis pola inclusión das persoas con diversidade”.

Anabel pronunciou un dos discursos máis emotivos da xornada

Anabel Castiñeira, secretaria da asociación, e Ramón Porteiro, membro da directiva e pai dun usuario, deron voz ás súas vivencias, cargadas de sentimentos e sensibilidade. Primeiro foi Anabel relatando a súa vida como muller con disCapacidade, formación, traballo, autonomía e independencia. E despois, Ramón foi o encargado de dar a coñecer o papel das familias a través da súa propia, e o traballo tan importante que desenvolve o Centro de Recursos, plasmado coa proxección dun vídeo sobre o seu funcionamento. De seguido, patrocinadores/as e responsables das empresas colaboradoras recibiron xunto aos alcaldes dos diferentes concellos da Costa da Morte unha placa conmemorativa como agasallo polo seu apoio e implicación no desenvolvemento de programas inclusivos. Así, o resto de oradores/as tamén foron obsequiados ao remate das súas intervencións ao igual que a responsable da Área de Benestar da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, que lembrou a figura de Domingos Dosil- ex-alcalde de Muros con tetraplexia- como defensor da igualdade e dos dereitos das persoas con diversidade.

O conselleiro Rey Varela foi agasallado cunha placa conmemorativa

Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, foi o encargado de pechar a quenda de intervencións cun discurso no que falou de futuro e avogou por “seguir sumando esforzos para erradicar as barreiras e as dificultades que na actualidade aínda teñen estas persoas, máis aínda en contornos rurais onde o acceso a determinados servizos é máis dificultoso que nas cidades” e “darlle un impulso social a Galicia, con máis sensibilidade, novas políticas e máis recursos”, concluíu. Xunto a el tamén estaban Ovidio Rodeiro, delegado territorial da Xunta na Coruña, e o deputado popular Aurelio Núñez ademais dos rexedores de Malpica, Coristanco, Ponteceso e Laxe acompañados dos edís de A Laracha e Vimianzo, entre outros.

Os usuarios e usuarias protagonizaron divertidas actuacións

Usuarios e usuarias  

Todas as voces que se oíron onte no salón de actos do auditorio de Cabana brillaron con luz propia. Unhas emocionaron, outras comprometéronse e algunhas ata desvelaron as súas intencións de futuro. Pero foron as dos nosos usuarios e usuarias as que encheron de humor, maxia, enxeño e alegría un escenario que vibraba cada vez que saían a presentar a algún convidado/a, a conversar sobre as melloras do Centro de Día e do Centro Ocupacional ou a relatarnos as súas experiencias persoais, algunhas tan románticas como a do noivado de Toni e Jessi.  Ao final, a música invadiu o salón e todos/as despediron o evento cantando e bailando porque como reza un dos nosos lemas #omellorestáporvir.

O restaurante A Mundiña serviu o aperitivo que se degustou na Escola de Vela de Cabana

Ao rematar os actos de conmemoración, os asistentes desprazáronse no tren turístico, cedido polo Concello de Cabana, ata as instalacións da Escola de Vela para desgustar un exquisito aperitivo elaborado polo restaurante A Mundiña e gozar das incribles vistas do estuario do Anllóns. Un agasallo para os sentidos dos/as comensais e un broche de ouro para 25 anos de vida. A por outros 25 máis!

Grazas a todos e a todas por participar!

post

Íntegro celebra o seu 25 aniversario cunha ollada ao pasado e un ceno ao futuro

Entre as autoridades convidadas figura o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, e a responsable de Benestar da Deputación da Coruña,  Ánxela Franco

A asociación Íntegro celebrará mañá o seu 25 aniversario cun emotivo acto cargado de lembranzas e simbolismos. A historia da asociación  comezou a escribirse logo dunhas xornadas sobre discapacidade, organizadas pola agrupación Monte Branco no Couto (Ponteceso), e á que se foron sumando centos de homes e mulleres valentes, loitadores/as e decididos/as a cambiar a sociedade para defender os dereitos das persoas con diversidade funcional e contribuír a acadar a súa plena inclusión social, cultural e laboral. Mañá, moitos deses homes e mulleres anónimos/as que encheron de ilusión, esperanza, ánimo e fortaleza as páxinas da nosa vida, superando barreiras e alcanzando metas, serán os verdadeiros e merecidos/as protagonistas da xornada.

MaisPorvir ofrécense servizos de mantemento de xardíns e mobiliario urbano

Entre os preto de 200 convidados/as ao acto estarán os socios/as, familiares, usuarios/as, directivos/as, amigos/as, veciños e veciñas que fixeron posible esta longa andaina e que, de seguro, volverán a emocionarse recordando o pasado pero coa ollada posta nun futuro repleto de oportunidades e de cambios como os que experimentamos ata o día de hoxe, con máis de cincocentos socios/as e a apertura ao emprego social, a través da creación de MaisPorvir Xestión Social, ou promovendo programas de formación e inserción laboral para mulleres con disCapacidade no Rural (PIMD Rural) para lograr o seu empoderamento na sociedade. Pasos necesarios e imprescindibles para a consecución dunha vida autónoma, inclusiva e de calidade.

Ánxela Franco con usuarios/as de Íntegro durante a súa visita a Nantón

Autoridades

Por outra banda, ao acto tamén acudirán numerosas autoridades políticas de ámbito local, provincial e autonómico e unha ampla representación da vida social e económica da Costa da Morte. Así, xa confirmaron asistencia o Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; a responsable da área de Benestar da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, e o presidente de COGAMI e COCEMFE, Anxo Queiruga ademais de varios responsables municipais das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra.

A celebración dará comezo ás 12h no auditorio municipal de Cabana de Bergantiños coa lectura dun poema a cargo dunha usuaria de Íntegro e a intervención, a continuación, do presidente da asociación, Adolfo López Baña. A partir de aí abrirase o telón e dará comezo un fantástico espectáculo no que participarán autoridades e moitos/as dos protagonistas da historia da entidade. Sobre o escenario os testemuños e as vivencias persoais irán dando paso aos discursos, os proxectos, a música, os vídeos e o humor sen esquecer as palabras de gratitude nun acto de homenaxe que promete emocións e sentimento de principio a fin. E para mostra, un dato moi significativo! Sabiades que o lugar escollido para celebrar o 25 aniversario foi a primeira sede oficial de Íntegro?

A partir das 13:30h, servirase un aperitivo na Escola de Vela de Cabana que promete ser unha auténtica experiencia para os sentidos e deixará moi bo sabor de boca entre os asistentes. Sen dúbida, un broche de ouro a unha celebración de altura. Porque 25 anos non se cumpren todos os días! Agardámosvos a todos e a todas!