post

43 escolares do CEIP Canosa-Rus de Coristanco protagonizan unha nova edición de Visítanos!

Hoxe en Íntegro comezamos a semana coas portas abertas para recibir a un grupo de escolares que se desprazaron ata Nantón para participar nunha nova edición de Visítanos!, unha actividade educativa incluída no programa Capacíta-T coa que a nosa entidade pretende concienciar, educar e capacitar en materia de diversidade aos máis pequenos.

Esta mañá 43 alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CEIP Canosa-Rus de Coristanco visitaron as nosas instalacións para coñecer de preto o funcionamento do centro e descubrir o día a día dos nosos usuarios e usuarias. A xornada comezou cunha breve presentación da entidade para explicar os obxectivos e valores cos que traballamos en favor das persoas con diversidade funcional. Dende o primeiro momento,  os estudantes amosáronse moi participativos/as e interesados/as en achegarse á inclusión partindo das súas propias ideas, moitas delas preconcibidas e ditadas por unha sociedade desigual. A continuación, proxectouse un vídeo resumo coas actividades e os obradoiros que se levan a cabo tanto no Centro de Día como no Centro Ocupacional.

Obradoiros

_MG_4507Durante algo máis de dúas horas os escolares, divididos en grupos reducidos,  realizaron un percorrido polas instalacións para coñecer con máis detalle o traballo que realizan diariamente os nosos usuarios/as nos diferentes obradoiros ocupacionais. O taller de artes manuais foi parada obrigada. Alí tiveron a oportunidade de descubrir algunhas das técnicas empregadas para confeccionar os produtos de artesanía que comercializamos, e que máis dun escolar tamén se animou a elaborar poñendo a proba as súas habilidades e imaxinación na confección, por exemplo, de xabóns de glicerina da colección Bicos de Amora. O resultado foi gratamente sorprendente!  _MG_4406

A visita ao invernadoiro foi, sen dúbida, unha das que causou maior expectación entre os escolares que non dubidaron en poñer en práctica os coñecementos facilitados polo persoal do centro e polos propios usuarios e usuarias. Logo dunha divertida sesión plantando leitugas, traballaron con algunhas das plantas aromáticas do noso xardín terapéutico e realizaron varios talleres de identificación de especies autóctonas. Ao remate, cada alumno/a levou como agasallo unha semente de gladíolo para _MG_4414lembrar o seu paso polo centro.

Pero un dos momentos máis divertidos chegou ao final da mañá coa realización dun circuíto de mobilidade e desprazamento en cadeira de rodas para achegar aos máis pequenos a realidade da diversidade, xogando coas barreiras ás que cada día deben facer fronte moitas persoas con discapacidade. Unha proba moi entretida e novidosa na que fixeron gala do seu enxeño e habilidade sorteando todo tipo de obstáculos. Dende logo, a mellor maneira de comprobar que a diversidade é cuestión de capacidades, non de discapacidades. Grazas a todos e a todas por participar!

_MG_4502_MG_4444