post

O PIMD Rural reforza a súa atención ás mulleres do rural cun servizo máis integral e maior participación

Trátase dun programa dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables, co-financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021- 2027

O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural), impulsado pola asociación Íntegro segue consolidándose como un apoio esencial para as mulleres das zonas rurais pola súa capacidade de resposta e reforzo na atención integral ás persoas usuarias co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a reducir a tripla discriminación que sofren moitas mulleres por razón de xénero, discapacidade e contorno rural.

A maioría das máis de 70 mulleres atendidas neste servizo (48 presentan algún tipo de discapacidade) son residentes en concellos rurais da Costa da Morte con baixa densidade de poboación, o que consolida a aposta do programa por achegar recursos e servizos ás zonas con maiores dificultades de acceso.

Este exercicio estivo marcado por un incremento considerable nas intervencións de carácter psicolóxico, grazas á incorporación a xornada completa dunha profesional especializada que permitiu reforzar a atención individualizada, así como os servizos de mediación familiar e intercultural para a resolución de conflitos no ámbito doméstico. O equipo profesional, ampliado neste ano a catro integrantes —psicóloga, educadora social, traballadora social e integradora social—, garantiu un servizo de atención continuada, próximo e integral.

Ao longo do curso, realizáronse numerosas actuacións centradas na orientación, información e asesoramento en recursos específicos, así como actividades dirixidas á adquisición de habilidades persoais e sociais. Estas accións desenvolvéronse tanto de xeito individual como en grupos reducidos, co obxectivo de ofrecer unha atención personalizada e de calidade.

Tamén se levou a cabo un amplo labor de acompañamento na xestión de trámites administrativos, sanitarios, laborais e sociais, así como no apoio directo nas relacións coas distintas entidades, organismos e servizos, facilitando así a integración social das mulleres participantes.

Inserción laboral e formación: dous piares fundamentais

A orientación laboral e o seguimento personalizado na busca de emprego continúan a ser dous dos servizos máis demandados polas usuarias. Como resultado, nesta edición conseguiuse novamente a inserción laboral de varias mulleres, o que reafirma a eficacia das accións desenvolvidas neste eido.

Ademais, a formación ocupou un lugar destacado dentro do programa, coa organización de talleres formativos adaptados ás necesidades detectadas. Entre as temáticas abordadas destacan: manexo de smartphones, autonomía persoal, autocoidados, autodefensa emocional, soidade en positivo, orientación laboral, busca de emprego en internet e sexualidade e afectividade baixo o lema “Se o amor aperta, non é da túa talla”.

Actualmente, durante o mes de xuño, estase a impartir un taller sobre sexting seguro, mentres que o de busca de emprego en internet —de gran acollida—terá unha nova edición en xullo para dar resposta á alta demanda.

O PIMD Rural está promovido pola asociación Íntegro e co-financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade, a través dun programa dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021- 2027.

Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres acceder a formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, podes contactar con Íntegro no teléfono 981 734 985 ou a través do correo electrónico info@integro.es.

post

Íntegro mellora as instalacións do seu centro de Nantón para reforzar a atención a 46 persoas con diversidade funcional da Costa da Morte

O proxecto conta co co-financiamento da Xunta de Galicia, a través dos fondos do 0.7% do IRPF da declaración da renda procedentes de marcar o cadro de “Actividades de interese xeral consideradas de interese social” 

A asociación Íntegro vén de completar un proxecto de mellora das instalacións do seu Centro de Recursos de Nantón, situado no Concello de Cabana de Bergantiños, co que se beneficiarán directamente as 46 persoas usuarias do servizo, maioritariamente persoas con discapacidade intelectual procedentes da Costa da Morte.

A actuación centrouse na redistribución e optimización dos espazos interiores do centro, co obxectivo de mellorar a funcionalidade e o confort das instalacións. Entre as intervencións máis destacadas figuran a ampliación do comedor e do ximnasio, así como a reubicación da aula empregada como centro de día nun novo espazo que agora conta con ventilación e iluminación natural, mellorando así as condicións ambientais para as persoas usuarias e profesionais.

Este proxecto foi posible grazas ao apoio da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, que financiou arredor do 90% do custo total a través de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), con cargo aos fondos procedentes do IRPF, concretamente da asignación voluntaria do cadro 106 da declaración da renda destinado a “Actividades de Interese Social”.

A asociación Íntegro, con sede en Nantón, é unha entidade sen ánimo de lucro que dende o ano 1992 traballa pola inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. Na actualidade, xestiona un Centro de Día e un Centro Ocupacional e forma parte tanto de COGAMI como da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE).

Con esta intervención, Íntegro reforza o seu compromiso coa calidade dos servizos que presta, apostando por espazos máis accesibles, confortables e adaptados ás necesidades das persoas usuarias.

post

A Deputación da Coruña apoia o mantemento do centro ocupacional a través do programa FOAXE-C 2025

A entidade provincial vén de aprobar unha axuda económica de 23.975€ para o mantemento do noso centro de Nantón

A asociación Íntegro das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte vén de resultar beneficiaria dunha subvención de 23.975 euros concedida pola Deputación da Coruña no marco do programa FOAXE-C, un programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de centros de servizos sociais no ano 2025.

Esta achega económica permitirá apoiar o funcionamento do noso centro ocupacional, un recurso fundamental para promover a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. O centro constitúe un espazo de apoio, aprendizaxe e participación onde as persoas usuarias poden desenvolver as súas capacidades persoais e sociais, así como prepararse para unha posible incorporación ao mercado laboral.

Grazas a esta aportación, daremos continuidade ao amplo programa de actuacións dirixidas a mellorar a autonomía persoal, a formación e a participación social das persoas usuarias. Entre os servizos ofrecidos destacan a información e asesoramento en recursos, a manutención con menús adaptados ás necesidades de cada persoa e o servizo de transporte adaptado, que conta con seis vehículos para facilitar o desprazamento das persoas usuarias desde os seus fogares ata o centro.

Ademais, o programa inclúe diferentes áreas de intervención terapéutica e formativa, como atención psicolóxica, logopedia, rehabilitación e mantemento físico, así como talleres de habilidades sociais e de axuste persoal e social, que contribúen a mellorar a autonomía e a integración na comunidade. Así mesmo, tamén se levan a cabo talleres de auto-coidado e hábitos de vida saudables, tarefas do fogar (actividades instrumentais da vida diaria), talleres de aprendizaxe e estimulación cognitiva, así como actividades ocupacionais e pre-laborais, elaborando diferentes produtos adaptados ás súas capacidades, como xabóns, velas, bixutería, artigos elaborados con plástico reciclado ou detalles personalizados.

O programa complétase con actividades deportivas, culturais e de lecer, así como con iniciativas de vida comunitaria e participación social, que favorecen a interacción co contorno e contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.

Desde Íntegro destacan que este apoio institucional resulta fundamental para garantir a continuidade dun servizo esencial no medio rural, que contribúe a mellorar a autonomía, o desenvolvemento persoal e a inclusión social das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.

Esta actuación está financiada pola Deputación da Coruña a través do programa FOAXE-C 2025 de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de centros de servizos sociais.

post

Nantón prepárase para o FestIgual: música, gastronomía e inclusión na 3ª edición do festival máis diverso da comarca

Todo listo en Nantón para a celebración da 3ª edición do FestIgual, diversamente iguais, un evento que xa se consolida como unha das citas imprescindibles do calendario festivo da Costa da Morte. A xornada, organizada pola asociación Íntegro en colaboración coa empresa Máis Porvir Xestión Social e o Concello de Cabana, terá lugar o sábado 31 de maio a partir das 12.00 horas.

O FestIgual busca, un ano máis, crear un espazo de encontro e celebración en torno á diversidade, reivindicando a inclusión e a igualdade de oportunidades a través dunha xornada pensada para todas as idades. Música tradicional, gastronomía, artesanía e propostas para a cativada conforman un programa pensado para gozar en familia e con amigos.

A festa arrincará ao mediodía co pasarrúas dos Gaiteiros de Anos e continuará coa sesión vermú a cargo de O Tren da Unha. Pola tarde, ás 16.30 horas, o grupo Versión Imposible tomará o escenario para poñer a nota máis festiva e versionar grandes éxitos.

Por outra banda,  ao longo da tarde, realizaranse varias rondas de sorteos. Preto de medio centenar de premios directos, entre os que haberá produtos, experiencias e cheques compra.

Os amantes da boa mesa tamén terán a súa cita obrigada cunha variada oferta gastronómica a base de petiscos e racións variadas. As entradas poderán adquirirse en venda anticipada dende a próxima semana chamando ao 981 734 985 ou 650 961 649, enviando un correo a info@integro.es ou directamente nas instalacións da entidade.

Artesanía e animación para os máis pequenos

Durante toda a tarde, de 16.00 a 20.00 horas, os máis cativos poderán desfrutar de inchables, xogos e pintacaras, mentres que os amantes da artesanía terán á súa disposición postos con produtos locais e ecolóxicos de 13.00 a 20.30 horas.

Ademais, como mostra de compromiso co medio ambiente, os asistentes poderán mercar por un prezo simbólico envases reutilizables, que serán de uso obrigatorio durante toda a festa, reafirmando así a aposta do FestIgual pola sostibilidade.

Durante a presentación oficial do cartel, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, destacou que o FestIgual “é xa unha cita ineludible tanto para o público asistente como para os expositores, que atopan aquí unha gran oportunidade de participación”. Pola súa parte, o alcalde de Cabana, José Muíño, subliñou o éxito das edicións anteriores e animou a toda a veciñanza a sumarse a esta xornada de convivencia: “Queremos repetir e mesmo superar a participación do ano pasado”.

O FestIgual é unha festa de acceso libre e totalmente gratuíta, na que o único requisito é ter gañas de compartir, bailar, desfrutar e reivindicar o valor dunha sociedade plural e inclusiva.

post

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración José González, de visita en Máis Porvir

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe, durante a súa visita a Máis Porvir, o papel clave que desempeñan os Centros Especiais de Emprego (CEE) na inclusión laboral das persoas con diversidade funcional. Durante o seu percorrido polas instalacións tivo a oportunidade de comprobar o día a día do taller de carpintaría de madeira e plástico, poñendo en valor o traballo realizado no eido da orientación, formación e apoio personalizado aos traballadores/as para facilitar así a superación de barreiras no mercado laboral.
 
Acompañando ao responsable autonómico estiveron o presidente de Íntegro Adolfo López Baña; a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño; o presidente de Cegasal, Mino Martínez; representantes de Íntegro e do centro Máis Porvir, así como o alcalde do Concello de Cabana de Bergantiños José Muíño e o edil Carlos Allo.
Aproveitando a súa estancia en Nantón, o titular de Emprego anunciou que nas vindeiras semanas lanzarase a convocatoria de axudas para os CEE correspondente a 2025. Estas achegas forman parte dos case 45 millóns de euros que o goberno galego ten orzamentados este ano para fomentar a economía social, cun enfoque centrado na simplificación administrativa e na mellora da eficacia na atención ás entidades e aos seus beneficiarios.
O noso centro especial de emprego Máis Porvir forma parte de Cegasal é é un dos 135 CEE que existen actualmente en Galicia. Agradecemos á Xunta de Galicia o seu esforzo e apoio económico a través de diversas achegas que permiten impulsar proxectos tan valiosos como a carpintaría de madeira e plástico que desenvolvemos no noso centro.
post

“Da horta á cociña”: un proxecto interxeracional para fortalecer o rural da Costa da Morte

A asociación Íntegro desenvolverá ao longo deste ano un proxecto piloto pioneiro no ámbito rural que busca unir xeracións a través da agricultura, a cociña e a artesanía. Baixo o título “Da horta á cociña”, esta iniciativa, vinculada ao proxecto piloto Talento Interxeracional da Xunta de Galicia no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, cofinanciado pola Unión Europea, a través dos fondos NextGenerationEU, cunha achega de 13.000€, aposta pola colaboración entre persoas maiores de 55 anos e mozos e mozas menores de 35 co obxectivo de fomentar a aprendizaxe mutua, reducir o illamento social e ofrecer novas oportunidades de futuro á mocidade do rural.

O programa, que se desenvolve de febreiro a outubro, nace para dar resposta a dous problemas que afectan especialmente ás zonas rurais: a falta de oportunidades para a mocidade, que provoca a súa marcha ás cidades, e a soidade e o illamento social das persoas maiores, agravado pola dispersión xeográfica. Desde xeito, poñeremos en valor a sabedoría das persoas maiores ao tempo que promovemos a creatividade e o manexo das novas tecnoloxías entre a xuventude. Nas actividades, participarán oito persoas voluntarias organizadas en parellas interxeracionais.

“Da horta á cociña” estruturarase arredor de tres actividades principais:

  • . Cultivando Sabedoría: transmisión de técnicas de agricultura tradicional e ecolóxica, combinadas co uso de tecnoloxía para gravar e difundir os procesos en redes sociais.
  • . Cociñando Xuntos: elaboración de receitas tradicionais e aprendizaxe sobre nutrición, coa creación dun receitario dixital como resultado.
  • . Tecendo Conexións: preservación de técnicas artesanais de tecido e teares, á vez que se documenta e comparte o proceso en plataformas dixitais.

A través do voluntariado interxeracional, búscase dar unha resposta innovadora a estes retos, xerando espazos de convivencia e colaboración que contribúan á cohesión social e á revitalización das comunidades. Neste senso, o presidente da entidade Adolfo López Baña destacou que “este proxecto debe ser un sementeiro de ideas e relacións que fortalezan o rural, demostrando que as xeracións teñen moito que achegarse mutuamente”.

Con esta experiencia piloto, “Da horta á cociña” aspira a converterse nun modelo replicable noutros territorios rurais, impulsando un futuro máis xusto, sostible e cohesionado para todas as xeracións.

post

Volve a Andaina Solidaria de Íntegro: deporte, solidariedade e moita diversión

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na segunda edición, que se celebrará o 26 de abril, a partir das 16.30 horas

A asociación Íntegro pon en marcha a segunda edición da andaina solidaria Por un millón de pasos, unha iniciativa que busca fomentar hábitos saudables, inclusión e solidariedade a través do deporte e o lecer. O evento, que terá lugar o vindeiro 26 de abril, foi presentado esta mañá nun acto ao que asistiu o presidente da entidade Adolfo López Baña, acompañado de varios directivos e persoas usuarias; o alcalde de Cabana José Muíño e o edil Carlos Allo, así como o responsable do Concello de Ponteceso José Manuel Mato, que tamén colaboran no desenvolvemento da actividade.

Durante a xornada, ademais de gozar das incribles visitas que ofrece esta ruta a pé, cun percorrido totalmente accesible que partirá da Praza do Recheo de Ponteceso ás 16:30 horas e rematará na Praza do Pendón, en Cabana de Bergantiños, os e as participantes poderán desfrutar dun paseo en tren turístico, animación e moitas outras sorpresas nas que xa se están a traballar desde a organización.

Inscricións

As inscricións xa están abertas e poden realizarse a través da seguinte ligazón: https://forms.gle/fdCiFSD1H4FF1Php9. O prezo da inscrición é de 3€ para nenos e nenas de 0 a 12 anos, mentres que para adultos (+13 anos) será de 5€. Ademais, aquelas persoas que non participaron na primeira edición e aínda non teñan a camiseta conmemorativa do evento, poderán adquirila por tan só 5€.

Para máis información, as persoas interesadas poden contactar a través do teléfono 981 734 985, o móbil 650 961 649 ou o correo electrónico info@integro.es.

Desde Íntegro animamos a toda a veciñanza a participar nesta andaina solidaria, unha oportunidade perfecta para practicar deporte, gozar da natureza, compartir tempo en familia e con amigos/as e contribuír a unha gran causa social.

post

Deporte e inclusión “Correndo pola Costa”

Íntegro patrocina ao equipo C.A.R. O Bosque, que debutará coas novas camisetas o 12 de abril na carreira que se celebrará en Vimianzo

A asociación Íntegro únese ao equipo C.A.R (Centro de Alto Rendemento) O Bosque como patrocinador oficial, reafirmando así o seu compromiso coa inclusión social a través do deporte. A este grupo de corredores afeccionados, cuxos rostros son xa ben coñecidos no circuíto “Correndo pola Costa”, móveo o deporte, a amizade, a natureza e as gañas de pasalo ben. E, a partir de agora, un novo lema: o que lucirán nas súas novas camisetas: A meta é a inclusión. Porque cada paso conta e cada carreira é unha oportunidade para facer do deporte un espazo máis xusto e accesible para todos e todas.

O C.A.R O Bosque vestirá por primeira vez a súa nova camiseta o próximo 12 de abril en Vimianzo, disposto a demostrar que cando corres con valores, sempre chegas primeiro.

Desde Íntegro desexámoslles toda a sorte do mundo (aínda que sabemos que xa gañaron co seu espírito e actitude) e convidamos a toda a veciñanza a animar e a correr con eles. Porque ao final, a carreira máis importante é a da loita pola igualdade e a inclusión.

post

Volve unha nova edición do programa CapacítaT para promover a inclusión e a diversidade

Arredor de 700 escolares da Costa da Morte participarán nas actividades de sensibilización levadas a cabo a través de iniciativas como a Diverescola, Visítanos, Diversiplás ou a campaña de prevención de lesións medulares

A asociación Íntegro pon en marcha unha nova edición de CapacítaT, un programa educativo que busca sensibilizar ao alumnado en materia de diversidade promovendo actitudes positivas cara a inclusión. A través de diversas actividades interactivas, arredor duns 700 escolares da Costa da Morte terán a oportunidade de reflexionar sobre crenzas erróneas e descubrir as potencialidades das persoas con diferentes capacidades.

Diverescola: sensibilizando dende a infancia

Unha das primeiras actividades de sensibilización postas en marcha nesta nova edición chegou da man da Diverescola, un programa encamiñado a achegar ao alumnado de 6º de educación infantil e 2º de primaria o concepto de diversidade e inclusión real. As primeiras paradas tiveron lugar xa en varios centros de ensino dos concellos de Zas e Cabana de Bergantiños. A través de actividades didácticas e participativas, como a lectura do conto “Súper Lucía” e o visionado da curtametraxe “Historia do ourizo”, o alumnado de 2º de educación primaria pode descubrir a riqueza da diversidade e a importancia de respectar e tratar ben a todas as persoas. Pola súa banda, os pequenos/as de 6º de infantil fano a través dun contacontos guiado, adaptado ás súas capacidades e nivel de comprensión.

No que vai de ano, xa visitamos as aulas do CPI de Zas (xaneiro) e do CEIP Labarta Pose de Baio (12/02), ademais do CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños, o pasado día 18. Para o mes de marzo, está previsto un encontro cos nenos e nenas do CIP Plurilingüe Cabo de Area de Laxe (luns 3) e xa en abril (día 8), cos do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo, en Carballo.

Visítanos: convivencia e aprendizaxe

Dentro das accións de visibilidade e inclusión efectiva, en Íntegro levamos a cabo outro programa denominado Visítanos, que permite ao alumnado de 4º e 5º de educación primaria compartir unha xornada coas persoas usuarias do centro, promovendo o intercambio, a convivencia e o desenvolvemento da empatía.

Hoxe mesmo, un grupo de alumnos/as do CEIP Labarta Pose de Baio (Zas) achegáronse a Nantón para gozar dunha xornada repleta de actividades que incluíu unha breve recepción e presentación sobre diversidade e inclusión; un taller de reciclaxe de plásticos para elaborar un obsequio; visita á nosa escola de cociña para preparar petiscos en colaboración cos nosos usuarios/as; elaboración de xabóns e pulseiras nos talleres ocupacionais; creación dun mural con recordo para o colexio e realización do circuíto con cadeira de rodas “Ponte no meu lugar” para experimentar en primeira persoa a mobilidade reducida. Para o mes de marzo, agardamos a visita do alumnado do CIP Plurilingüe Cabo de Area de Laxe (día 27); en abril, farano os nenos e nenas do CEIP Plurilingüe de Nétoma- Razo (día 10) e xa en xuño será a quenda dos escolares do CEIP Plurilingüe San Vicenzo de Vimianzo (día 5).

Campaña de Prevención de Lesións Medulares

Outra das accións centrais de Capacíta-T é campaña de prevención de lesións medulares dirixida ao alumnado de secundaria. A partir da presentación dun vídeo sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular, xérase un escenario de aprendizaxe grupal, para debater e resolver dúbidas, explicando en profundidade todas as cuestións relativas a este tipo de lesións. Con estas charlas, inténtase contribuír á paulatina redución dos índices de discapacidade adquirida na poboación en xeral, e entre a xuventude en particular.

A primeira parada deste 2025 xa está fixada no calendario para o vindeiro mes de abril no CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe. Así mesmo, tamén está confirmada a participación dos tres institutos carballeses pero sen data establecida.

Na actualidade a asociación Íntegro atende directamente a 48 persoas con diversidade funcional da Costa da Morte e ás súas familias. Desde os nosos centros de Día e Ocupacional, proporcionamos apoios para mellorar a autonomía persoal e social das persoas con discapacidade.

Diversiplás: Concienciación sobre a Reciclaxe

Diversiplás é un proxecto destinado á recuperación e valorización de residuos plásticos. No marco do programa CapacítaT desenvolvemos diversas actividades de sensibilización a través do xogo, para concienciar sobre a importancia da reciclaxe de residuos plásticos dende a infancia.

As actividades propostas para a edición 2025 teñen como obxectivo a adquisición de coñecementos relacionados coa reciclaxe, identificar e diferenciar os diferentes tipos de plásticos que existen e a importancia de darlle unha segunda vida aos produtos que forman parte da nosa vida cotiá.

Voluntariado xuvenil

Neste 2025, en Íntegro volvemos apostar polas persoas voluntarias para poñer en marcha un novo proxecto interxeracional que dará comezo no mes de marzo. Se es unha persoa activa e comprometida coa sociedade e a contorna, tes entre 16 e 35 anos, e un gran espírito solidario, chama ao 981 734 985 e infórmate!

PIMD Rural

Por outra banda, queremos lembrar que ao longo do ano permanecerá aberto o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMDRural), promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) ao abeiro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020. Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres recibir formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, non dubides en poñerte en contacto con nós por teléfono ou enviando un mail a info@integro.es.

post

A Fundación ONCE destina 10.000€ para mellorar o equipamento e a seguridade do Centro de Recursos

As actuacións foron financiadas a través do Plan de Prioridades da entidade

O Centro de Recursos Íntegro segue avanzando na mellora das súas instalacións para ofrecer un servizo de maior calidade e adaptado ás necesidades das persoas usuarias. Neste 2025, grazas ao apoio da Fundación ONCE, executáronse diversas actuacións no marco do programa “Equipamento, axudas técnicas e seguridade do Centro de Recursos Íntegro”, co obxectivo de optimizar tanto o confort como a accesibilidade do centro.

A través deste programa, a Fundación ONCE destinou 10.000 €, que foron investidos na renovación do mobiliario, a adquisición dunha grúa, a instalación de armarios e a mellora dos sistemas de seguridade e vixilancia, reforzando así a protección e benestar das persoas usuarias.

A Asociación Íntegro, fundada en 1992, é unha entidade social sen ánimo de lucro que traballa pola inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional na Costa da Morte. Actualmente, conta cun Centro de Día e un Centro Ocupacional, que atenden a 45 persoas das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. A entidade forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e está integrada na Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE).