post

Íntegro celebrou o seu 30º aniversario cunha xornada de portas abertas moi emotiva e concorrida

  • As bombas de palenque marcaron o inicio da xornada festiva na que participou numeroso público
  • As actividades da mañá deron paso a un xantar de confraternidade para conmemorar o 30º aniversario da entidade

Por fin chegou o gran día! Esta mañá, as bombas de palenque anunciaban en Nantón (Cabana de Bergantiños) o inicio dunha xornada festiva e moi emotiva para a gran familia Íntegro. Pouco antes das 11.00 horas, o presidente da entidade, Adolfo López Baña, xunto coa directora Noelia Barreira e outros membros da directiva daban a benvida a familiares, socios/as, veciños/as e autoridades locais da comarca (como os alcaldes de Cabana e Ponteceso) que se achegaron ata o Centro de Recursos para participar nesta xornada de portas abertas e compartir un día de festa, celebración e moitas emocións con motivo do noso 30º aniversario.

Fiel ao lema conmemorativo deste ano “todos e todas sumamos”, o numeroso público asistente amosouse, desde o primeiro momento, moi participativo e interesado nas diferentes actividades programadas. As primeiras consistiron na realización de varios obradoiros de temática variada, entre os que non faltaron o de xabóns, chapas e pulseiras, ademais do de reciclaxe de plásticos, que se levou a cabo no taller de Diversiplás para dar a coñecer os diferentes tipos de residuos e o proceso de transformación e valorización deste tipo de lixo. Paralelamente, no exterior das instalacións de Nantón, realizáronse demostracións de produtos de mobilidade activa, a cargo de Tomás Cutrín, de Innova Procare, que lograron captar o interese e a atención de todos os convidados/as, entre os que tamén figuraban os/as integrantes dos grupos de voluntariado xuvenil de Madrid que nos visitaron ao longo do mes. Durante a mañá, foron moitas as persoas que aproveitaron para coñecer polo miúdo as instalacións e realizar un percorrido pola nosa historia a través da mostra fotográfica exposta no centro.

O deporte e a actividade física chegou da man dunha divertidísima e moi movida masterclass de zumba, que combinou á perfección exercicio, música e diversión. A xornada no centro rematou cunha interesante charla sobre afectividade e sexualidade en persoas con diversidade funcional, impartida pola psicóloga e sexóloga Laura Ramírez.

A festa e a diversión continuou ao longo do día na Parrillada e Cátering A Pedra, situado na mesma localidade, para desfrutar dun xantar de confraternidade conmemorativo do noso 30º aniversario. Antes de compartir mesma e mantel cos convidados/as, o presidente de Íntegro fixo un breve repaso pola historia da entidade, facendo especial fincapé nos duros comezos xunto a Silvestre Couto e destacando “a proxección de futuro que sempre lle demos á entidade, rodeándonos de persoal técnico e cualificado, para lograr unha maior visibilidade e o empoderamento co obxectivo de que as persoas con discapacidade poidan vivir, traballar e desenvolverse no medio rural”. Adolfo López Baña rematou o seu discurso co desexo de que “todos e todas sigamos traballando unidas/os” nun brinde “polo que está por vir”. Na mesma liña, a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, salientou no seu discurso a necesidade de construír “unha sociedade plural e diversa, que valore as cualidades e potenciais que ten cada persoa e o que cada unha pode aportar, respectando a forma de ser e vivir de cadaquen”. Asimesmo, asegurou que “aínda queda moito por facer pero estamos no camiño correcto e seguiremos apoiando, escoitando e acompañando ás persoas con diversidade para fomentar a súa calidade de vida”, rematou. A continuación, Sandra Caamaño, xerente de Máis Porvir Xestión Social, foi a encargada de explicar o funcionamento do Centro Especial de Emprego no que están a traballar 40 persoas con disCapacidade.

 

Tras o xantar, continuou a festa, con moita música, diversión, concursos e premios para uns convidados/as que tamén deixaron pegada no noso photocall. Grazas a todos/as por acompañarnos nun día tan especial. Aquí vos deixamos algúns dos momentos da xornada e algunhas das novas publicadas esta fin de semana nos medios de comunicación.

 

 

La Voz de Galicia300722

Que pasa na Costa300722

La Voz de Galicia 310722

 

post

30 anos camiñando cara a inclusión das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte

Ademais de facer un repaso polas súas tres décadas de historia, a entidade presentou a programación conmemorativa para este 2022 

Con motivo da conmemoración do seu 30º aniversario, celebrado o pasado 1 de febrero, a asociación Íntegro deu a coñecer o calendario de actividades que vén de elaborar para este 2022. A presentación tivo lugar o pasado venres na sede de Nantón, en Cabana de Bergantiños, e contou coa presenza do presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; o tesoureiro, Sil Couto (ambos co-fundadores e integrantes da asociación desde as súas orixes); a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira e outros membros da directiva, traballadoras, socios/as e usuarios/as do centro.

Inclusión, igualdade e visibilidade son os tres piares nos que se sustenta a longa e difícil traxectoria de Íntegro desde as súas orixes ata a actualidade. E agora, son tamén os tres conceptos que pretenden achegar aos nenos e nenas da Costa da Morte a través da que será a primeira das actividades programadas para este ano: o concurso escolar de debuxo, poesía e narrativa “camiñando cara a inclusión”, que xa se puxo en marcha o pasado día 1 nos centros educativos de primaria para concienciar aos escolares sobre a disCapacidade e a diversidade, e promover a inclusión e a igualdade entre os máis cativos/as. Os traballos gañadores daranse a coñecer no mes de abril.

O acto central da programación conmemorativa deste 2022, desenvolverase o vindeiro mes de xuño no auditorio municipal de Cabana de Bergantiños e terá como protagonistas ás persoas usuarias do centro, que serán as encargadas de realizar unha viaxe a través do tempo para dar a coñecer a historia da entidade desde os seus comezos en 1992.

Xa en pleno verán, celebrarse a “Romaría da Inclusión”, un evento festivo e reivindicativo, aberto a toda a veciñanza, que terá como escenario o Centro de Recursos Íntegro, en Nantón. Será unha xornada para o rencontro e a celebración ao que asistirán usuarios/as, socios/as, familiares, membros da directiva, etc… O programa completarase cun ciclo de conferencias sobre inclusión e diversidade, previsto para o 2º semestre do ano, no que se abordarán cuestións relativas á sexualidade, o emprego, etc. Ademais, haberá unha edición especial do programa de “Prevención da lesión medular”.

30 anos pasaron desde aquel 1 de febrero de 1992, no que 7 persoas con discapacidade de Ponteceso e Cabana decidiron unir esforzos para crear unha entidade que na actualidade conta xa con 45 persoas usuarias, das que 22 son públicas (10 Centro de Día e 12 Centro Ocupacional). Agora Íntegro asume un novo reto: acadar as 63 prazas de ocupación e seguir arrincando sorrisos cada día entre aos nosos usuarios e usuarias.

TRES DÉCADAS DE HISTORIA.  Adolfo López Baña, presidente da asociación Íntegro

Choveu moito desde aquel 1 de febreiro de 1992, cando sete persoas con Discapacidade de Ponteceso e Cabana decidiron unir esforzos para constituír unha entidade, que inicialmente recibiu o nome de Asociación de Minusválidos PONTE-CABANA. Desde entón, un gran número de persoas foron sumando folgos, ideas e moito traballo ata formar o que hoxe coñecemos como a Asociación INTEGRO dás persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte. Co traballo de todos foise crecendo de forma estruturada para fortalecer todas as iniciativas e profesionalizar os servizos postos en marcha ata a actualidade.

As orixes

As primeiras xuntanzas da entidade celebrábanse cada sábado no bar A Pesqueira de Ponteceso. E desde alí, dado que a maioría dos integrantes da entidade eramos lesionados medulares,  decidimos poñer en marcha as primeiras accións de sensibilización para informar á poboación sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular. Así botou andar polos centros educativos da Costa da Morte a “campaña de prevención da lesión medular”,  coa que seguimos percorrendo os colexios para concienciar aos máis novos.

Os comezos non foron doados. Ademais de atrancos burocráticos, os recursos económicos escaseaban. Así que, tiramos de imaxinación e comezamos a realizar actividades sociais para recadar fondos. Un dos eventos con máis sona e arraigo entre a veciñanza da comarca foron os desfiles de moda. Xa por aquel entón, tiñamos claro que todas as actividades tiñan que se integradoras (descoñeciamos o termo inclusión), e por iso nos pases de moda participaban modelos con e sen discapacidade. Ademais, este tipo de eventos eran a ocasión perfecta para convivir durante días todos xuntos e en igualdade. Que tempo aqueles!

A medida que a entidade medraba en socios/as e actividades, a necesidade de dispoñer dun local comezou a ser prioritario. Despois de moitas conversas cos alcaldes de Ponteceso e Cabana, o rexedor cabanés, que naquela época era o Sr. Fariña, facilitou non só un local, senón tamén o contacto con outros alcaldes e empresarios da contorna, así como con outras administracións públicas, como a Deputación da Coruña, para darnos a coñecer e arrincar a nosa particular andaina na defensa dos dereitos das persoas con diversidade. Así puxemos en marcha unha primeira sede, baleira de material, pero chea de ideas, soños, ilusións e proxectos. Entre os primeiros destaca a creación do equipo de baloncesto adaptado Ponte-Cabana, único participante galego na Liga Autonómica formado integramente por lesionados medulares. Ao mesmo tempo, constituíuse ademais o grupo de xadrez.

Emprego e formación

Desde as nosas orixes, comprometémonos coa formación e a busca de emprego como elementos determinantes para a consecución dunha vida plena autónoma. Grazas a COGAMI logramos os apoios necesarios para poñer en valor ao noso colectivo e iniciar proxectos tan innovadores como ECOEMPREGO, unha iniciativa medioambiental enmarcada no programa europeo HORIZON, pioneiro na recollida e reciclaxe de electrodomésticos, papel e cartón, porta a porta, no que colaboraron ademais case todos os concellos da comarca. Con este proxecto apareceron os primeiros contedores de papel e cartón na zona, pero tamén algunhas carencias, como a ausencia de traballadores con discapacidade na zona rural, o que provocou que tiveramos que recorrer a varias asociacións da Coruña para poder poñer en funcionamento dito proxecto. Este feito, propiciou a realización dun estudo sobre a poboación con diversidade da Costa da Morte e os datos foron reveladores: elevada taxa de analfabetismo, escasa incorporación ao mercado laboral e unha visión demoledora da sociedade sobre o noso colectivo que propiciou a nosa presenza, máis ca nunca, en todos os foros, xornadas, congresos e eventos de calquera índole para alzar a nosa voz e gañar maior visibilidade.

Aproveitando as instalacións das Torres do Allo (Zas), nas que se desenvolvía o proxecto Ecoemprego, puxéronse en marcha as primeiras accións formativas da entidade: uns cursos sobre xardinería e invernadoiros, nos que participaron por primeira vez persoas con discapacidade residentes na contorna, e nos que ademais de coñecementos específicos, poñíase en valor a formación e o traballo abordando cuestións relacionadas coa independencia económica e familiar, valor social, crear familia, poder adquisitivo, empoderamento, etc… A estes obradoiros seguiron outros de carpintería e coiro nun local cedido polo Concello de Cabana no lugar do Pendón. Co paso do tempo, a demanda de formación e asesoramento ía en aumento e moi pronto xurdiu a necesidade de crear un centro de rehabilitación integral capaz de atender as necesidades do noso colectivo. Unha construción que foi posible grazas á cesión duns terreos por parte do Concello de Cabana, e aos apoios recibidos desde outras institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, as administracións locais da Costa da Morte, e entidades como COGAMI, a Fundación ONCE, asociación NERIA, etc… Así nace o noso Centro de Recursos Íntegro.

A falta de contratación laboral de persoas con discapacidade por parte do tecido empresarial da contorna propiciou a creación do Centro Especial de Emprego ÍNTEGRO Xardinería e Medioambiente, nun terreo de 5.000 m2 cedido pola familia do ex-alcalde de Zas Julio Díaz, e especializado en labores de mantemento de xardíns e elaboración de produtos da horta con certificación ecolóxica, que deu emprego a 15 persoas.

No ano 2001, Íntegro inaugura as novas instalacións de Nantón, máis amplas e cómodas, co obxectivo de seguir medrando e atendendo as necesidades da poboación do rural. O concerto de prazas públicas da Consellería de Política Social favorece o crecemento e desenvolvemento do noso centro, que a Xunta de Galicia declara como entidade de Utilidade Publica pola Orde do 22 de outubro de 2010, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Dentro do noso compromiso coa inclusión laboral de persoas con discapacidade, en xullo de 2013 volvemos apostar pola creación de emprego a través da constitución do Centro Especial de Emprego de iniciativa social sen animo de lucro Máis Porvir Xestión Social, un espazo dedicado á prestación de servizos socio-sanitarios e labores auxiliares para empresas e administracións públicas que na actualidade ofrece traballo a 42 persoas,  das que 38 teñen algún tipo de discapacidade. Desde Íntegro traballamos para que estes CEE de iniciativa social sexan o trampolín ao mercado empresarial.

 

O futuro de Integro

Actualmente, as entidades sociais vivimos momentos de cambio e constante evolución. En Íntegro damos a benvida ao 2022 con novos retos e ambiciosos proxectos para seguir medrando, entre os que destacan o incremento de prazas públicas concertadas, fogar residencial,  sustentabilidade económica ou a posta en marcha de novas políticas de conservación ambiental, sen descoidar os valores do que marcan o noso traballo diario. O compromiso social, a igualdade, a defensa dos dereitos, a participación social, a transparencia e a mellora continua seguirán constituíndo os cimentos da nosa historia.

A entidade, no seu desenvolvemento estratéxico para o período 2022-2025, deberá medrar coa pretensión de que cada área de actuación sexa autónoma e autosuficiente. ÍNTEGRO como entidade corporativa, ten que selo de forma completa. Por iso, os retos estratéxicos para os vindeiros anos centraranse no desenvolvemento corporativo, o afondamento nunha metodoloxía de traballo baseada nos apoios personalizados, a incorporación de novos servizos e o desenvolvemento empresarial do noso CEE + Porvir.

O que nunca cambiará, pasen 30 ou 100 anos, é o feito de que seguiremos sendo unha entidade comprometida coa nosa misión de alcanzar a inclusión das persoas con diversidad funcional e recoñecida na sociedade polos nosos valores, o traballo directo coas persoas con diversidade funcional e o compromiso coa inclusión no medio rural.