post

Íntegro recompilará material plástico da campaña de Nadal do CCA Carballo para o novo taller de reciclaxe de Diversiplás

  • Máis de 20.000 bolas de plástico serán utilizadas como materia prima para a fabricación de novos produtos no taller de aproveitamento e tratamento de residuos que se porá en marcha en Íntegro en 2022
  • Este Nadal, o Centro Comercial Aberto tamén contribuirá á inclusión laboral de persoas con discapacidade mediante a contratación de dous traballadores da nosa empresa de xestión social MáisPorvir   

O proxecto medioambiental da asociación Íntegro para a reciclaxe e transformación de residuos plásticos Diversiplás, + diverso – plástico segue avanzando no seu camiño cara unha Costa da Morte máis sostible, máis diversa e con menos plástico. E, desta volta, faino captando novos colaboradores e participando nun fermoso proxecto no que a ilusión, a maxia e, por suposto, a reciclaxe serán co-protagonistas xunto cos máis pequenos da casa.

Grazas ao Centro Comercial Aberto de Carballo e á súa campaña de Nadal, nas vindeiras semanas teremos a oportunidade de recompilar un gran volume de residuo plástico. Nada menos que máis 20.000 bolas, as mesmas que agocha no seu interior a casiña de Nadal,  que o CCA ten instalado na Praza do Concello para repartir ilusión, sorrisos e premios entre a cativada. Para conseguilas, bastará con mercar este Nadal nos 76 establecementos comerciais e de hostalaría adheridos á campaña. A cambio, cada cliente recibirá un vale que os e as máis peques da casa poderán cambiar por unha tirada na casiña e obter así unha bola con premio seguro e directo.

 

Unha vez obtido o agasallo, os envases poderán ser depositados nun tragabolas para o seu almacenamento e posterior utilización como materia prima no taller de aproveitamento e reciclado, que imos poñer en marcha en 2022 co apoio e asesoramento de Adrián Coira, de Just Fair Enough, para a creación de novos produtos con diferentes utilidades (chaveiros, macetas, mobiliario urbano….). Neste senso, desde a asociación Íntegro queremos solicitar a colaboración de toda a cidadanía para lograr recompilar o maior número posible de bolas, e darlles así unha segunda vida a través da reciclaxe.

Diversiplás é un proxecto de economía circular, xurdido ao abeiro do proxecto Tanza, dirixido á recuperación e valorización de residuos plásticos. Coordinado pola asociación Integro, conta co apoio do Galp Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

 

 

 

 

 

 

 

Máis Porvir Xestión Social

Ademais da súa aportación ao proxecto medioambiental Diversiplás, este Nadal o CCA de Carballo contribuirá tamén á inclusión social e laboral de persoas con diversidade funcional. Dous traballadores de Máis Porvir Xestión Social, a empresa de economía social da asociación Íntegro, serán os encargados de repartir ilusión, sorrisos e premios entre a cativada que se achegue ata a casiña de Nadal do CCA.  Unha colaboración que pon de manifesto  o compromiso e a implicación do Centro Comercial Aberto de Carballo cos colectivos sociais máis desfavorecidos. Grazas e parabéns pola iniciativa!

 

 

 

post

Once usuarios/as de Íntegro desfrutan xa dos beneficios da natación terapéutica

Tras o parón provocado pola COVID-19, a entidade de Nantón recupera esta actividade, que se desenvolve unha vez á semana na piscina municipal de Cabana desde hai máis dunha década

Logo de máis dun ano de inactividade pola COVID-19, un grupo de usuarios e usuarias do noso Centro de Día e do Centro Ocupacional volve desfrutar dun novo curso de natación terapéutica na piscina municipal de Cabana co obxectivo de mellorar a súa coordinación, equilibrio e autonomía persoal, pero tamén para desfrutar dunha morea de xogos e actividades no medio acuático.

Desta volta, once persoas con discapacidade benefícianse xa desta actividade deportiva complementaria, enmarcada no programa de saúde e benestar do departamento de Fisioterapia da asociación Íntegro, que utiliza a auga cun fin correctivo e preventivo. De feito, a súa práctica está recomendada por médicos e especialistas como terapia continuada, especialmente, no caso de persoas con diversidade funcional e/ou pacientes con algún tipo de doenza lumbar ou lesión medular.

Como en anos anteriores, a duración do curso de natación terapéutica será de outubro a xuño, unha vez á semana (xeralmente os venres). Acompañados/as de dúas monitoras de apoio e unha profesora especializada en natación adaptada, o alumnado non só aprenderá a nadar, senón que tamén realizará exercicios de estimulación para contribuír a mellorar o seu funcionamento muscular e articular. Ademais dos innumerables beneficios físicos, as sesións repercutirán positivamente na adquisición dunha maior auto-confianza, independencia e capacidade de socialización.

Coa finalidade de adaptar as clases ás necesidades individuais de cada alumno/a e prestar unha atención totalmente personalizada, o número de participantes é sempre moi reducido. Este ano, son once os beneficiarios/as deste programa que, cada edición, renova o alumnado para garantir a participación de todos/as e cubrir así a demanda existente.

Agardamos que este curso dea resultados tan positivos como en anos anteriores e que os nosos usuarios/as gocen dunha experiencia saudable e divertida a partes iguais. Non perdades de vista os seus progresos. Quen sabe se este pode ser o comezo dunha prometedora carreira deportiva. Permanecede ben atentos/as!!

 

post

Diversiplás camiña con paso firme cara a sostibilidade da Costa da Morte

  • Tras a excelente acollida que tiveron as actividades do programa de sensibilización levadas a cabo en setembro e no que participaron preto de 75 persoas
  • Trátase dun proxecto coordinado por Íntegro, co apoio do Galp Costa da Morte, e financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar

Co obxectivo de promover a redución do lixo mariño e a mellora da biodiversidade, desde a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional, o pasado mes botou a andar na Costa da Morte Diversiplás, + diverso – plástico: un proxecto dirixido á recuperación e valorización de residuos plásticos derivados da actividade marisqueira e da pesca, xurdido ao abeiro do Programa Tanza e coordinado pola asociación Íntegro, co apoio do Galp Costa da Morte, e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Precisamente, as persoas usuarias de Íntegro, principais protagonistas desta iniciativa, foron as encargadas de dar os primeiros pasos dun camiño que xa avanza cara unha contorna máis sostible e respectuosa co medio ambiente. Así, coincidindo coa chegada de setembro, arrincaron as primeiras accións de dinamización deste 2021, destinadas a  sensibilizar sobre a presenza e o impacto do lixo nas zonas costeiras- tanto en praias como no litoral e nas zonas marítimo-pesqueiras- e poñer en valor as utilidades da reciclaxe do plástico, a través da creación de proxectos de economía circular.

Setembro en ruta

A primeira saída á rúa non podía ter unha estrea mellor. Dentro da programación das Festiletras (Ponteceso), o pasado día 3 Divesiplás participou no Festival da Ciencia do Couto (Festiciencias) para dar a coñecer o proxecto ambiental entre a rapazada e activar a futura rede de colaboracións cos centros de ensino da contorna para a recollida de plásticos, previsto para os vindeiros meses. Ademais, ao longo da xornada, realizouse unha actividade demostrativa do proxecto Precius Plastic a cargo de Adrián Coira, colaborador de Diversiplás e experto en reciclaxe de residuos, que nos deixou moi claro o proceso de transformación dos refugallos. A segunda actividade, celebrada en Nantón o mércores 8, consistiu na realización dun taller informativo sobre o proxecto, dirixido á comunidade de usuarios/as de Integro, xunto cunha actividade de sensibilización centrada nos plásticos e o seu impacto no medio mariño.

Na segunda quincena de setembro continuaron as saídas pola Costa da Morte para achegarse ao traballo que realizan os e as profesionais do mar, que tamén colaboran no proxecto. A primeira parada tivo lugar o día 15 no peirao de Corme (Ponteceso) para manter un encontro coa Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme, na que participaron preto de 30 persoas. Tras visitar o taller e coñecer de primeira man a súa actividade diaria, centrada na reparación de redes e os novos usos, tamén se interesaron por coñecer outros aspectos derivados do seu traballo como enfermidades e riscos laborais, asociacionismo, etc. Así mesmo, a diversificación do sector, orientado á confección e deseño de pezas artesanais, complementos de moda, deseño de lámpadas e/ou accesorios deportivos acaparou a atención dos/as participantes que non dubidaron en preguntar pola nova vida que lles dan aos útiles de pesca, contribuíndo así ao coidado do planeta e á súa propia reciclaxe laboral.  A xornada rematou co compromiso de futuras colaboracións na recollida e clasificación de refugallos, e algúns usuarios/as probando sorte na confección de nós con cabos de rede.

 

A visita á Agrupación de mariscadoras da Confraría de Camariñas, realizada o pasado día 22, puxo o punto e final ao programa de actividades previsto para este mes e no que participaron preto de 75 persoas. Nunha xornada moi interesante e participativa, as persoas usuarias achegáronse ao mundo do marisqueo para coñecer a profesión máis de preto e desde dentro, da man dunha das integrantes da asociación (zonas, capturas, especies, mareas,…).

Tamén se abordou a presenza de lixo mariño no medio, en boa parte derivado da actividade pesqueira, e a importancia de reciclar e manter limpo o litoral. De feito, a limpeza e recollida de refugallos que se ía desenvolver na zona de marisqueo, trasladouse á terra, ao merendeiro de Ariño, onde se procedeu á recollida dunha gran cantidade de microplásticos, que levaban días na zona e que o vento estaba empuxando cara o mar. Con paciencia e un traballo case artesanal, recolléronse un a un todos os restos de plástico, diversos fragmentos, papeis e moitas cabichas.

Futuras accións

Tras esta primeira fase de divulgación e sensibilización, en Diversiplás seguimos a traballar desde a inclusión para unha Costa da Morte máis sostible. E entre os novos obxectivos figuran xa a posta en marcha dunha Rede de entidades colaboradoras (centros de ensino, concellos e confrarías da Costa da Morte) para a xestión de puntos de recollida de plásticos e a creación dun taller para o aproveitamento e tratamento dos residuos plásticos obtidos do mar, que terá que agardar ao 2022.

Permanecede atentos/as porque moi pronto volveremos con máis actividades, moitas novidades e un montón de sorpresas que vos van encantar. E se o que che apetece é  colaborar e participar nas accións de sensibilización que levamos a cabo, non perdas a oportunidade de facelo. Chama xa ao 650 961 649 e únete ao noso equipo!

               

post

Íntegro recibe unha axuda da Consellería do Mar para a posta en marcha de Diversiplás, + diverso – plástico

  • Trátase dun proxecto medioambiental promovido pola entidade e co-financiado a través do programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP)
  • Ademais de promover a inclusión social e laboral de persoas con discapacidade, desenvolverá accións de sensibilización ambiental e tratamento de residuos plásticos en colaboración con concellos, centros educativos e o sector pesqueiro da Costa da Morte

A asociación Íntegro vén de recibir unha subvención procedente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, a través do programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), para a posta en marcha dun ambicioso proxecto denominado Diversiplás, + Diverso – Plástico, dirixido a promover e fomentar o crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade así como a mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior, dependentes da pesca e a acuicultura, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima.

O proxecto, que se desenvolverá en dúas anualidades (2021-2022), contempla diversas liñas de actuación entre as que destaca a creación dun taller para o aproveitamento e tratamento de residuos plásticos obtidos do mar así como o desenvolvemento dun programa de divulgación, sensibilización e concienciación orientado á erradicación e valorización dos residuos, tanto mariños como costeiros, que contará coa colaboración e implicación de diferentes entidades, administracións locais e outros colectivos da Costa da Morte (confrarías, redeiras, sector pesqueiro, comunidade escolar, colectivo de inclusión social), procurando así a implicación de toda a sociedade para contribuír a reforzar o dinamismo social, económico e ambiental do noso litoral. Deste xeito, ademais de promover a redución do lixo mariño e a mellora da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, potenciaremos a autonomía e a inclusión das persoas con discapacidade no ámbito social e laboral.

post

Natureza, diversión e aprendizaxe nas novas rutas de sendeirismo de Íntegro

  • Trátase dunha actividade dirixida a mozos e mozas de 16 a 35 anos, incluída no programa Iniciativa Xove, financiada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia 
  • A vindeira semana, as instalacións de Nantón tamén acollerán un interesante obradoiro sobre as “3R” 

A nova realidade imposta tras a pandemia e as medidas anti-COVID recomendadas para frear a súa propagación, están a poñer de manifesto a necesidade de mudar os nosos hábitos sociais e procurar novas formas de entretemento e diversión para o noso tempo de lecer. Neste senso, as actividades ao aire e o contacto directo coa natureza están a converterse nunha alternativa ideal para o tempo de ocio, capaz de garantir o cumprimento das novas restricións sanitarias, ademais de fomentar novos valores para o desenvolvemento dunha vida máis saudable e respectuosa coa contorna.

En Íntegro sabémolo moi ben e por iso estamos a promover, desde o programa Iniciativa Xove, financiado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, diversas rutas de sendeirismo pola Costa da Morte encamiñadas á aprendizaxe, observación e interpretación da natureza polo miúdo así como a sensibilizar e concienciar á cidadanía sobre a importancia de respectar e protexer o medio ambiente.

Coa finalidade de preservar a saúde dos/as participantes e cumprir estritamente coas medidas de prevención establecidas para evitar a propagación da COVID-19, cada grupo estará formado por un número moi reducido de persoas, que deberán someterse a un control de temperatura e hixiene de mans antes da saída así como o uso obrigatorio de mascarilla durante a camiñada. Ademais, os sendeiristas deberán levar roupa e calzado cómodos, protección solar, gorra e bebida abundante para combater o calor.  

Rutas e recomendacións

Os percorridos elixidos para as rutas que imos levar a cabo discorrerán por diferentes localidades da Costa da Morte, de gran beleza paisaxística e riqueza medioambiental como a de Caión-Baldaio, Camelle-Arou ou os paseos marítimo-fluviais de Laxe e Cabana de Bergantiños. A data e o horario de cada ruta concretarase cos/as asistentes unha vez rematado o período de inscrición.  

Esta actividade vai dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos. Se estás interesado/a en participar, inscríbete canto antes enviando un mail a info@integro.es e prepárate para desfrutar dunha xornada na que aventura, diversión e aprendizaxe estarán aseguradas.   

Obradoiro 3R

Por outra banda, e seguindo coa nosa política de protección medioambiental para lograr un mundo máis equilibrado e sostible, a vindeira semana poremos en marcha unha nova acción formativa incluída no programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia. O contido do obradoiro, que se desenvolverá en horario de tarde nas nosas instalacións de Nantón, en Cabana de Bergantiños, xirará arredor da regra das “3R” (Reducir, Reciclar e Reutilizar) e a importancia de aplicalas na nosa vida cotiá para salvar o planeta e xerar hábitos de consumo responsable. Apúntaste? Agardámoste!

 

post

Íntegro amplía o seu servizo de transporte cun novo vehículo adaptado de nove prazas

Para a adquisición da furgoneta, valorada en máis de 42.000 €, a entidade contou coa financiación do AGADER, o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e a Xunta de Galicia, a través dos fondos do 0,7% do IRPF 2018

A asociación Íntegro das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte vén de adquirir un novo vehículo adaptado que permitirá mellorar o servizo de transporte dos nosos usuarios e usuarias e incrementar o actual parque móbil, posibilitando así o desdobramento dalgunhas rutas e a incorporación de novas prazas.

O novo vehículo, valorado en máis de 42.000 €, ten capacidade para nove persoas e está dotado cunha plataforma e un chanzo eléctricos para facilitar o acceso ao mesmo ás persoas que se desprazan en cadeira de rodas.

Dita adquisición foi posible grazas á implicación de diversos organismos que contribuíron á súa financiación cunha aportación pública que ascende a un total de 36.665,55 €, importe sufragado en parte polo AGADER (GDR Costa da Morte), o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco da medida 19 (Leader) do PDR de Galicia 2014-2020 e dentro da prioridade ou área focal 6B, dirixida a promover o desenvolvemento local nas zonas rurais, e coa financiación da Xunta de Galicia, xestionada por COGAMI, a través de fondos do 0,7% do IRPF 2018.

O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, amosou a súa satisfacción por dispoñer dunha flota ampla e renovada, adaptada ás necesidades das persoas con diversidade funcional e salientou “a necesidade de dotar ás entidades sociais dos medios e recursos necesarios para contribuír a eliminar os atrancos que existen á hora de facilitar ás persoas usuarias a súa chegada aos centros”.

post

17 concellos da Costa da Morte participaron nun almorzo informativo organizado por Cegasal sobre contratación pública de centros especiais de emprego

O encontro, que forma parte da Rede Eusumo, celebrouse en Carballo coa colaboración de Máis Porvir

Esta semana, a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal) organizou, coa colaboración da nosa empresa de xestión social Máis Porvir, un almorzo informativo en Carballo co obxectivo de promover o desenvolvemento dunha cultura empresarial inclusiva na Costa da Morte. A xornada, que resultou todo un éxito de participación, contou coa presenza de máis de cincuenta representantes políticos e preto dunha vintena de técnicos dos concellos da contorna que se achegaron para coñecer polo miúdo a contratación pública reservada a este tipo de centros.    

Ademais da xerente do centro especial de emprego de Íntegro, Sandra Caamaño, tamén asistiu ao evento o presidente da nosa entidade e administrador único de Máis Porvir, Adolfo López Baña, xunto a outros membros da asociación como o tesoureiro, Silvestre Couto; a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira; a traballadora social, Sandra Reimúndez, persoal do centro e usuarios/as.

A xornada xirou arredor da Lei de Integración Social do Minusválido, a Lei de Contratos do Sector Público e a contratación de persoas con discapacidade, cuestións que abordaron Elena Barba Pan, secretaria da Xunta Consultiva de Contratación da Xunta de Galicia; Concepción Campos Acuña, secretaria do Concello de Vigo; Adolfo López Baña e Sandra Caamaño, administrador e xerente de Máis Porvir; Ramón Sestayo, vicepresidente de Cogami, e José Antonio Vázquez, presidente de Cegasal.

A Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego integra xa a 30 centros de emprego e conta ademais con varias empresas colaboradoras como Construcciones Ramón Vázquez y Reino, que tamén estivo presente neste primeiro encontro, incluído na Rede Eusumo.

 

 

post

Íntegro celebra o Día da Inclusión cunha andaina accesible en Camariñas

A xornada dará comezo cun percorrido desde o Club Náutico ata a Casa do Concello e a lectura pública dun manifesto, á que seguirán diversas actividades e un xantar popular na praia de Ariño

A asociación Íntegro celebrará este venres 20 o Día da Inclusión cunha andaina accesible, aberta á participación de toda a cidadanía, que partirá ás 12:00 horas do Club Náutico de Camariñas en dirección á Praza do Concello. Será un percorrido de 750 metros ata chegar á Casa Consistorial, onde se procederá á lectura dun manifesto reivindicativo en prol da inclusión das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. No acto está previsto que participen, ademais de usuarios, traballadores e membros da directiva da nosa entidade, varios representantes da administración local, que tamén colabora activamente na organización desta xornada de sensibilización.

A continuación, realizaranse diversas actividades para concienciar á poboación en materia de diversidade e inclusión a través do xogo e a aprendizaxe. De seguido, e se o tempo o permite, celebrase un xantar popular na praia de Ariño. En caso de choiva, a comida terá lugar no pavillón municipal. Quedades todos convidados/as!

post

Íntegro apela á conciencia cidadá para evitar lesións medulares por mergullos durante a temporada estival

Membros da entidade están a percorrer diferentes praias, peiraos e piscinas da Costa da Morte para comprobar os focos de risco e incidir na  prevención de accidentes

Como xa vén sendo habitual por esta datas, na asociación Íntegro iniciamos unha ronda de visitas polos municipios costeiros da nosa contorna para proceder á comprobación ocular dos focos de alto risco de lesións medulares por mergullos na Costa da Morte e incidir na súa prevención. Cada ano prodúcense en Galicia arredor de 100 accidentes medulares, dos que o 5% teñen a súa orixe nas prácticas de risco que se realizan en piscinas, ríos e praias. E lonxe de evitalas, cada vez son máis os adultos e adolescentes que expoñen as súas vidas en zonas altamente perigosas como as entradas a diques, peiraos e rías con pouco caudal de auga.

Como evitalo? O sentido común é a mellor defensa! En caso de mergullos, é imprescindible inspeccionar o fondo para comprobar tanto o seu interior como a súa profundidade. Aínda que na zona non haxa rocas saíntes do leito mariño, nin chanzos de pedra ou maleza ocultos pola area ou as plantas, NUNCA debemos tirarnos de cabeza. Neste senso, desde a entidade de Nantón faise un chamamento público a todas as administracións e organismos competentes para que procedan á correspondente sinalización de prohibición deste tipo de prácticas, ademais de apelar á concienciación cidadá para a súa erradicación. O verán é para gozalo e este tipo de lesións son evitables no 100% dos casos.

Estas son algunhas recomendacións para desfrutar dunhas vacacións tranquilas e sen correr riscos innecesarios.

. Comprobar sempre a profundidade da auga antes de tirarse de cabeza. (A OMS recomenda que haxa como mínimo 1.5 metros de profundidade).

. Evitar inmersións bruscas.

. Ter moito coidado cos ríos e rías porque o caudal da auga varía continuamente.

. Extremar a precaución en bordos e zonas húmidas de piscinas.

. Evitar bañarse en caso de consumir alcohol.

. Respectar os sinais de advertencia de perigo e normas de conduta en praias e piscinas. No caso de que non as haxa, como usuarios/as destas zonas debemos esixilas aos organismos competentes.

Como actuar en caso de accidente?

  • Avisar aos servizos de emerxencias ou acudir ao socorrista máis próximo da praia ou piscina.
  • Intentar non mobilizar ao accidentado/a. En caso de perigo de afogamento, desprazalo/a sempre entre varias persoas.

Lembra que o verán é para desfrutar. Non xogues coa túa vida. Usa a cabeza!

post

O CEIP de Buño transfórmase nunha Diverescola para os/as estudantes de infantil e primaria

Preto de 30 nenos e nenas participaron nunha xornada de sensibilización incluída no programa Capacíta-T

Os alumnos/as de infantil e primaria do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño (Malpica) convertéronse onte nos protagonistas dunha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida por Íntegro, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos/as a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

Durante algo máis de dúas horas, as aulas do centro educativo mudaron o seu aspecto para converter os tradicionais pupitres en improvisados circuítos de obstáculos e os libros en leccións orais de vida e superación. Así, a primeira hora da mañá a nosa monitora de ocio e tempo de lecer, Lucía Blanco, iniciaba unha xornada de sensibilización repleta de xogos na que participaron preto de trinta nenos e nenas que agardaban ansiosos/as e con expectación a visita da asociación Íntegro.

Aínda que moitos/as aseguraron coñecer a persoas con diversidade funcional na súa contorna, moi poucos sabían do seu día a día. E para descubrilo, nada mellor que meterse na súa propia pel poñendo a proba as súas habilidades e destreza a través da realización dunha serie de probas coa mobilidade reducida e os ollos tapados.  Os primeiros en apuntarse ao circuíto de obstáculos foron os/as 17 estudantes de educación infantil, que superaron con nota a actividade, dando exemplo da súa capacidade de empatía. De seguido, 11 nenos e nenas de diferentes ciclos de primaria tamén tiveron a oportunidade de comprobar cales son algunhas das barreiras que han de sortear as persoas que posúen algún tipo de discapacidade. Unha vez máis, os/as máis pequenos da casa volvéronnos a sorprender facendo gala da súa naturalidade e espontaneidade.  

Desde Íntegro queremos agradecer a participación de todos os centros educativos da Costa da Morte neste proxecto co que se pretende promover unha aprendizaxe en valores e unha aposta  pola educación inclusiva dende a infancia.