post

Competencias Clave e o programa Avanza Inclusión, novas accións para a inserción socio-laboral

Ambas iniciativas, dirixidas a persoas en risco de exclusión social, están promovidas pola Consellería de Política Social e co-financiadas polo Fondo Social Europeo no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020

A incorporación ao mercado laboral das persoas en risco de exclusión social e, preferentemente, o acceso a aquelas que padecen diversidade funcional é un dos obxectivos prioritarios da asociación Íntegro. Por iso, desde hai meses estanse a  desenvolver novos programas formativos promovidos pola Consellería de Política Social en base á Orde 13 de xuño de 2018, pola que se establecen as bases que rexen a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2018, 2019 e 2020, co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020. 

Desde a entidade de Nantón, temos en marcha de maneira simultánea dous novidosos proxectos destinados a mellorar a empregabilidade daqueles colectivos sociais máis desfavorecidos. Trátase dun curso de preparación de competencias Clave e a posta en marcha do programa Avanza Inclusión. Neste último estanse a realizar diversas accións propias da Carteira de Servizos Sociais de Inclusión Social, que permitan o axuste persoal e social xunto co acceso e permanencia no mercado laboral das persoas en risco de exclusión social, con prioridade de acceso para aquelas que teñan recoñecida algún tipo de discapacidade e que, preferentemente, sexan mulleres.

Entre as actuacións que xa se están levando a cabo destacan a diagnose, deseño, seguimento e avaliación do proxecto de inclusión socio laboral, acompañamento social, accións de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais, accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral, mediación social, mediación laboral, prospección e mediación laboral activa así como o apoio na conciliación e o reforzo socio-educativo, entre outras. Este programa está en marcha desde o pasado 1 de xullo e permanecerá aberto ata o 30 de xuño de 2020. 

Competencias Clave

Desde o pasado mes de maio, a asociación Íntegro tamén está a desenvolver outra acción formativa consistente nun curso de preparación de competencias Clave. Nesta primeira actuación (son tres), que se prolongará ata o 28 de xaneiro de 2019, estase a formar xa a un grupo de persoas con diversidade funcional (discapacidade intelectual) da Costa da Morte para o seu acceso ás oposicións do grupo V, categoría subalterno, da Xunta de Galicia.  A segunda e a terceira acometeranse de xaneiro a outubro do ano que vén e de outubro a xuño de 2020, respectivamente. Cada unha delas terá unha duración de 130 horas e estará integrada por grupos reducidos de traballo (mínimo 5 persoas e máximo 10) para garantir unha aprendizaxe individualizada e adaptada ás necesidades específicas de cada  alumno/a.

Pese a que estas accións formativas están dirixidas preferentemente a colectivos en risco de exclusión social, con prioridade para persoas con diversidade funcional e, especialmente, mulleres, tamén poderá participar o público en xeral.  Para máis información, non dubides chamar ao teléfono 981 734 985 ou pasar polas oficinas de Nantón, de luns a venres e de 9 a 17 horas.

post

No último ano, 56 mulleres con diversidade funcional foron atendidas polo PIMD Rural

O servizo de orientación laboral para a mellora do emprego foi un dos máis demandados logrando ata 5 insercións

Un ano máis, a implicación e o compromiso institucional fixo posible que o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no ámbito rural (PIMD Rural) experimentase un notable crecemento na Costa da Morte chegando a consolidarse como o principal servizo de atención e intervención para mulleres con especial vulnerabilidade, principalmente con diversidade funcional e residentes na zona rural.  No último ano, 56 mulleres foron atendidas por este servizo e resultaron beneficiadas das diferentes accións formativas levadas a cabo para erradicar a discriminación e a desigualdade de oportunidades mediante o desenvolvemento de actividades que facilitaron o seu empoderamento e reforzaron o seu papel no ámbito rural ata acadar unha situación de normalidade. Neste sentido, os resultados falan por si mesmos! En 42 casos realizáronse seis ou máis intervencións para mellorar a situación laboral, persoal e familiar das receptoras,  logrando ata  5 insercións laborais durante o período comprendido entre outubro de 2017 e setembro de 2018. 

Desde o punto de intervención, ademais de visualizar a realidade destas mulleres en situación de vulnerabilidade, fomentouse o seu acceso a determinados servizos e recursos que, doutro xeito, non sería posible. Continuando co traballo desenvolvido en edicións anteriores, achegóuselles información e asesoramento tanto ás mulleres participantes como ás súas familias, sendo os recursos en materia de discapacidade e dependencia os máis demandados. Así mesmo, prestóuselles axuda na xestións de trámites persoais e familiares de carácter administrativo. Outro dos aspectos solicitados polas beneficiarias do PIMD Rural foi o apoio na resolución de conflitos, principalmente de orixe familiar. Neste senso, incidiuse na adquisición de habilidades persoais e familiares para afrontar os problemas de maneira autónoma e mellorar as relacións interpersoais (xestión económica, obrigas, normas de participación social, hábitos dentro e fóra do fogar).

Mellora do emprego

Un ano máis, os servizos de orientación, formación e a busca de emprego foron os máis solicitados polas beneficiarias do PIMD Rural acadando un elevado nivel de participación. Por unha banda, ao longo do ano, realizáronse numerosas accións formativas para dotar ás usuarias de novas competencias e habilidades que contribuíron a mellorar a súa empregabilidade. Neste senso, puxéronse en marcha varios talleres creativos e obradoiros de contido moi variado: habilidades domésticas, cociña, igualdade de xénero, alfabetización de adultos, manexo de smartphone e tablet, auto-coidados, novas tecnoloxías e técnicas para a busca de emprego. 

Por outra banda, proporcionouse apoio directo na prospección do emprego así como acompañamento na busca de traballo e axuda para a elaboración de currículos. Desde Íntegro, tamén se analizaron as necesidades do tecido empresarial local para adecuar a oferta á demanda, axustando ao mercado os perfís profesionais das usuarias dos puntos de intervención. 

Ao longo de todo o ano, a nosa entidade traballou de forma coordinada co Servizo de Intermediación Laboral de Cogami (SIL Cogami) así como cos departamentos de inclusión da Costa da Morte e os orientadores laborais locais dos diferentes concellos. Neste senso, o asesoramento xurídico e a atención psicolóxica prestadas ás mulleres que participaron no programa foron derivadas ao CIM de Carballo, froito dun convenio de colaboración entre ambas entidades.

Dada a boa acollida que esta iniciativa está a ter na Costa da Morte e ante a crecente demanda de usuarias procedentes doutras localidades, en Íntegro seguimos traballando para ampliar o ámbito de actuación do PIMD a outros municipios e incrementar así a nosa colaboración cos servizos de proximidade á cidadanía.

Permanecede atentas porque moi pronto estaremos de volta!

post

Íntegro amplía o seu parque móbil cun novo vehículo adaptado cedido pola Deputación Provincial da Coruña

A furgoneta, que realizará o percorrido Camariñas-Camelle-Nantón, permitirá desdobrar unha das rutas con máis usuarios/as e aumentar así o número de prazas

A asociación Íntegro das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte vén de recibir un novo vehículo adaptado que permitirá mellorar o servizo de transporte dos nosos usuarios e usuarias e incrementar o actual parque móbil, posibilitando así o desdobramento dalgunhas rutas e a incorporación de novas prazas. A entrega foi realizada esta mesma semana pola responsable da área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, no marco dun convenio de colaboración asinado polo noso presidente Adolfo López Baña e a titular provincial nas instalacións de Nantón. No acto, tamén estiveron presentes a directora do centro, Noelia Barreira; a vicesecretaria da asociación, Mónica Suárez, e o deputado comarcal Manuel Muíño.   

Durante a entrega da furgoneta, López Baña sinalou que “o transporte é fundamental para as entidades que traballamos no ámbito dos servizos sociais e, especialmente, para as que o facemos no ámbito rural onde a dispersión xeográfica nos obriga a prestar especial atención ao desprazamento dos usuarios/as ata o centro”. Neste senso, fixo especial incidencia na necesidade de dispoñer dunha flota ampla e renovada, adaptada ás necesidades das persoas con diversidade funcional. Pola súa banda, Ánxela Franco tamén coincidiu na necesidade de “dotar ás entidades dos medios e recursos necesarios para contribuír a eliminar os atrancos que existen á hora de facilitar ás persoas usuarias a súa chegada aos centros”.

O novo vehículo, valorado en máis de trinta mil euros, ten capacidade para nove persoas e  está dotado cunha plataforma e un chanzo eléctricos para facilitar o acceso ao mesmo ás persoas que se desprazan en cadeira de rodas. A súa posta en funcionamento está prevista para esta mesma semana e o seu destino, en principio, será a realización da ruta Cereixo-Camariñas-Camelle-Nantón, co obxectivo de desdobrar así un dos percorridos máis masificados en canto a número de usuarios e alixeirar os desprazamentos diarios. Ademais, coa nova incorporación poderase incrementar o número de prazas e atender así unha demanda que nos últimos tempos non para de medrar en toda a Costa da Morte. O presidente de Íntegro, tamén subliñou que “este tipo de axudas resultan imprescindibles para ir renovando un parque móbil, xa algo anticuado, e reducir os gastos de mantemento dos vehículos”.

post

O Programa Operativo de Emprego Xuvenil posibilita a contratación dunha técnica en Educación Infantil

A subvención concedida polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia terá unha duración de sete meses

Nos últimos anos, tanto o Centro de Día como o Centro de Recursos de Íntegro están a experimentar un crecemento constante no volume de actividades e programas dirixidos a persoas con diversidade funcional da Costa da Morte para contribuír así a mellorar a súa calidade de vida e acadar a súa plena inclusión na sociedade. Pero a ampliación da oferta formativa leva parella, ademais dun notable incremento de contidos en materia de capacitación, emprego ou  sensibilización social, a ampliación do noso cadro de persoal co obxectivo de atender unha demanda cada vez maior, máis esixente e con novas necesidades. Así, desde a entidade de Nantón (Cabana) apostamos pola formación continuada dos nosos traballadores/as e a adhesión a  programas de cooperación que promovan a contratación de novos profesionais destinados a favorecer a diversidade social dos colectivos máis vulnerables e/ou en risco de exclusión.   

Neste sentido, desde o pasado día 1 o noso cadro de persoal viuse ampliado grazas á incorporación dunha nova traballadora. Trátase dunha técnica especialista en Educación Infantil contratada a través dun programa de cooperación posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e as entidades sen ánimo de lucro, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e a inserción profesional daqueles mozos e mozas inscritos/as no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, dentro do ámbito do Programa Operativo de Emprego Xuvenil. Dita subvención está co-financiada nun 91,89% polo Fondo Social Europeo (FSE) e a Iniciativa de Emprego Xuvenil.

Ao longo dos próximos sete meses, a nova experta en Educación Infantil encargarase, por unha banda, de levar a cabo a planificación, deseño e desenvolvemento dalgúns dos talleres do Centro de Día e do Centro Ocupacional e, pola outra, da formación das persoas con diversidade funcional que asisten de forma regular aos nosos obradoiros ocupacionais e das que participan esporadicamente nalgunha acción formativa concreta ao longo do ano. Ademais, participará activamente no noso programa de ocio e tempo de lecer para complementar e ampliar os servizos prestados polo equipo de monitores/as. Un axuda extra que será ben recibida tendo en conta que nos últimos meses incrementouse o número de usuarios/as chegando a situarse na actualidade en 40 persoas.

Funcións:

  • Organización e desenvolvemento de talleres de artes manuais (bixutería, elaboración de xabóns, pintura…).
  • Realización de obradoiros de formación e capacitación (escola de adultos, novas tecnoloxías, formación especifica para a ESA, competencias clave…).
  • Programa e avalía os procesos educativos.
  • Desenvolvemento de actividades destinadas á creación de novos hábitos para o fomento da autonomía.
  • Realización de metodoloxías de xogo para estimular a creatividade, a iniciativa e a disciplina.
  • Deseñar saídas de ocio e lecer adaptadas ás preferencias e necesidades dos usuarios/as do centro.

Con esta nova contratación, englobada no Programa Operativo de Emprego Xuvenil, esperamos poder mellorar e incrementar a atención ás persoas con diversidade funcional da Costa da Morte e ás súas familias para a consecución dunha vida independente e autónoma.

 

post

Íntegro apela á conciencia cidadá para evitar lesións medulares por mergullos durante a temporada estival

Membros da entidade están a percorrer diferentes praias, peiraos e piscinas da Costa da Morte para comprobar os focos de risco e incidir na  prevención de accidentes

Como xa vén sendo habitual por esta datas, na asociación Íntegro iniciamos unha ronda de visitas polos municipios costeiros da nosa contorna para proceder á comprobación ocular dos focos de alto risco de lesións medulares por mergullos na Costa da Morte e incidir na súa prevención. Cada ano prodúcense en Galicia arredor de 100 accidentes medulares, dos que o 5% teñen a súa orixe nas prácticas de risco que se realizan en piscinas, ríos e praias. E lonxe de evitalas, cada vez son máis os adultos e adolescentes que expoñen as súas vidas en zonas altamente perigosas como as entradas a diques, peiraos e rías con pouco caudal de auga.

Como evitalo? O sentido común é a mellor defensa! En caso de mergullos, é imprescindible inspeccionar o fondo para comprobar tanto o seu interior como a súa profundidade. Aínda que na zona non haxa rocas saíntes do leito mariño, nin chanzos de pedra ou maleza ocultos pola area ou as plantas, NUNCA debemos tirarnos de cabeza. Neste senso, desde a entidade de Nantón faise un chamamento público a todas as administracións e organismos competentes para que procedan á correspondente sinalización de prohibición deste tipo de prácticas, ademais de apelar á concienciación cidadá para a súa erradicación. O verán é para gozalo e este tipo de lesións son evitables no 100% dos casos.

Estas son algunhas recomendacións para desfrutar dunhas vacacións tranquilas e sen correr riscos innecesarios.

. Comprobar sempre a profundidade da auga antes de tirarse de cabeza. (A OMS recomenda que haxa como mínimo 1.5 metros de profundidade).

. Evitar inmersións bruscas.

. Ter moito coidado cos ríos e rías porque o caudal da auga varía continuamente.

. Extremar a precaución en bordos e zonas húmidas de piscinas.

. Evitar bañarse en caso de consumir alcohol.

. Respectar os sinais de advertencia de perigo e normas de conduta en praias e piscinas. No caso de que non as haxa, como usuarios/as destas zonas debemos esixilas aos organismos competentes.

Como actuar en caso de accidente?

  • Avisar aos servizos de emerxencias ou acudir ao socorrista máis próximo da praia ou piscina.
  • Intentar non mobilizar ao accidentado/a. En caso de perigo de afogamento, desprazalo/a sempre entre varias persoas.

Lembra que o verán é para desfrutar. Non xogues coa túa vida. Usa a cabeza!

post

O alumnado do curso de Auxiliar de almacén completou a súa formación con prácticas en empresas de alimentación

Dez persoas con diversidade funcional participaron nesta acción formativa co-financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo

Os dez alumnos e alumnas que veñen de rematar o curso de Auxiliar de almacén, organizado pola asociación Íntegro e co-financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), xa están sobradamente preparados/as para afrontar a súa incursión no mundo laboral e afrontar novos retos profesionais. Como complemento á formación teórica, desenvolvida nas instalacións de Nantón do 2 de abril ao 29 de xuño, os e as participantes deste obradoiro estiveron realizando as correspondentes prácticas de capacitación en varias empresas de alimentación da Costa da Morte cuns resultados sobresaíntes como así constataron as empresas colaboradoras.   

Grazas a un convenio de colaboración asinado entre a nosa entidade e os supermercados Gadis, Día (IRIAGO SL) e Eroski (JOALPER SL), o alumnado tivo a oportunidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos realizando tarefas vinculadas coa súa formación como a clasificación, reposición, etiquetado e embolsado de produtos.

 

 

Esta acción formativa, incluída no Programa Operativo de Galicia 2014-2020 e dirixida a persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social da Costa da Morte, constou de 192 horas teóricas, destinadas a formación específica e competencias transversais, e  40 horas prácticas. Así mesmo, durante o curso tamén tiveron ocasión de visitar as instalacións de Ikea Coruña para coñecer mellor o seu funcionamento. Entre os principais obxectivos deste obradoiro destaca a inclusión social activa do alumnado coa finalidade de promover a igualdade de oportunidades, a participación activa e a mellora da posibilidade de atopar un emprego que contribúa á realización dunha vida plena, autónoma e independente.

Tanto o contacto coas empresas, como a sinatura do convenio e a supervisión dos traballos realizados nas empresas correu a cargo da educadora social da entidade Tania Bartucca Nión, que subliñou a necesidade de continuar con accións formativas desta índole que faciliten os recursos necesarios para incrementar a empregabilidade dun dos sectores máis vulnerables da sociedade. Agora só falta agardar que o mercado laboral lles dea a oportunidade que se merecen!

post

Seis usuarios e usuarias de Íntegro xa gozan en Sanxenxo do Lecer Náutico

Acompañados/as de dúas monitoras e unha voluntaria do centro, desfrutarán de cinco días de vela, ocio e turismo convivindo con compañeiros/as de outras entidades

Un grupo formado por seis usuarios e usuarias, dúas monitoras de Íntegro (unha terapeuta ocupacional e unha monitora de ocio e tempo libre) e unha voluntaria, partiu onte á tarde cara a localidade pontevedresa de Sanxenxo para participar no programa Lecer Náutico, organizado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) en colaboración co Real Club Náutico de Sanxenxo e a Fundación Mapfre. Trátase dunha experiencia divertida, enriquecedora e moi positiva coa que se pretende achegar esta modalidade deportiva ás persoas con diversidade funcional, fomentando así o contacto directo coa natureza e o entorno mariño.

Ao longo desta semana, recibirán un curso intensivo sobre o manexo de embarcacións de vela lixeira, de 20 horas de duración, impartido por persoal especializado do club náutico. Ademais das clases teóricas, que darán comezo hoxe mesmo, os e as participantes terán a oportunidade de saír a navegar pola ría de Pontevedra e experimentar sensacións tan novidosas e incribles como a liberdade ou a ausencia de barreiras. Se a isto lle sumamos a posibilidade de gozar dunhas vistas sorprendentes desde unha perspectiva diferente, o éxito está garantido. Sen dúbida, todo un privilexio ao alcance de moi poucos/as.

Pero non todo vai ser náutica! Ao igual que sucedeu en edicións anteriores, tamén haberá tempo para o lecer e o aprendizaxe fóra da auga porque durante a súa estancia en Sanxenxo está previsto que realicen outras actividades no seu tempo libre como ir á praia, pasear pola vila ou visitar algúns museos e lugares de interese turístico. Será tamén unha boa ocasión para poñer en práctica todo o aprendido nos nosos obradoiros de autonomía persoal, asumindo a realización de tarefas tan cotiás como a limpeza do fogar, a hixiene diaria, o carro da compra e a xestión económica para administrar os seus propios cartos.

Durante cinco días permanecerán nunha residencia adaptada que lles permitirá convivir con compañeiros/as doutras entidades sociais e fomentar as relacións interpersoais e a creación de novos vínculos de amizade. De feito, este ano coinciden na mesma quenda cos usuarios e usuarias da asociación Avante, de Val do Dubra, e Cogami Ourense. Unha experiencia única e inesquecible para os seis afortunados/as desta edición que son: Dora, Rubén, Rosa Ferreiro, Roberto, Fernando e Alfonso. A gozar da semana chicos/as! E moito coidadiño co sol.

post

Íntegro clausurará o martes 19 o obradoiro de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns

A Casa do Oleiro de Buño acollerá o acto de entrega de diplomas aos 12 alumnos/as con diversidade funcional da Costa da Morte que participaron na acción formativa subvencionada pola Fundación Once e co-financiada polo Fondo Social Europeo

O obradoiro de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns,  organizado pola asociación Íntegro dentro da Convocatoria de Axudas Económicas da Fundación ONCE, chegou hoxe a súa fin. Dende o pasado 1 de marzo, 12 homes e mulleres con diversidade funcional da Costa da Morte participaron nesta acción formativa, impartida pola entidade e a empresa de xestión social MáisPorvir, encamiñada a promover a igualdade, o benestar e a inclusión social das persoas con discapacidade en situación ou risco de exclusión social, e mellorar a súa empregabilidade a través do incremento de contratacións. O acto de clausura terá lugar o martes 19, ás 12h, na Casa do Oleiro de Buño (Malpica) coa entrega de diplomas aos asistentes. 

Despois de tres meses e medio e 365 horas de aprendizaxe, aos participantes desta acción formativa, incluída no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE), só lles queda un último reto: atopar un traballo estable e con garantías para a consecución dunha vida plena e autónoma. E méritos non lles faltan!

Ademais das clases teóricas realizadas na Casa do Oleiro de Buño, o alumnado puido completar a súa formación con varias sesións prácticas levadas a cabo tanto no taller de carpintería de Anos (Cabana) como en numerosas zonas verdes e axardinadas do casco urbano e dos núcleos rurais do Concello de Malpica. Así, ás labores de limpeza e mantemento en parques, xardíns e paseos, súmanse os traballos de rehabilitación, reparación e construción de equipamento urbano como a instalación de novas papeleiras e o arranxo de balaustradas en mal estado. 

Desde a asociación Íntegro queremos agradecer o apoio e a colaboración desinteresada dos concellos de Malpica e Cabana a través da cesión de instalacións municipais e zonas verdes para a realización das clases teórico-prácticas. Unha mostra máis da súa aposta pola capacitación profesional e a mellora do emprego para as persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social.

 

 

 

 

 

 

 

 

post

Máis de 150 persoas participarán mañá na Masterclass Solidaria de Zumba e Pilates

Antes de que dea comezo o evento, previsto para as 11h no pavillón de Cabana, a entidade porá á venda novos convites, no mesmo lugar da celebración, para que ninguén quede sen praza

Xa non queda nada para que dea comezo o gran evento deportivo, de carácter benéfico, promovido pola asociación Íntegro co obxectivo de gozar dunha xornada inclusiva moi “movida” e recadar fondos para a adquisición de vestiario deportivo para os usuarios e usuarias do Centro de Día e do Centro de Recursos. Ata o de agora, máis de 150 persoas de toda a Costa da Morte e outros puntos da provincia teñen confirmada xa, previa inscrición, a súa asistencia á Masterclass Solidaria de Zumba e Pilates, prevista para o sábado 9 no pavillón municipal de Cabana.

Así mesmo, todas as persoas que estean interesadas en asistir mañá ao evento e que aínda non estean anotadas, poderán facelo retirando a súa entrada o mesmo día da celebración na porta de acceso ao polideportivo. A entidade porá á venta entradas suficientes para que ninguén perda a ocasión de pasalo ben gozando dunha experiencia diferente. O prezo dos convites para os adultos será de 5€ mentres que os menores de 14 anos tan só pagarán 2€.

Ao longo da xornada inclusiva, que terá lugar de 11 a 13 horas, realizaranse sesións continuas de zumba e pilates dirixidas a toda a familia coa intención de fomentar estas prácticas deportivas e gozar dun día de convivencia e diversión sen parar de moverse. Por unha banda,  as clases de zumba serán impartidas pola empresa Actívate Lorena Eirís, especializada en actividades de ocio, tempo de lecer e adestramento persoal, mentres que a actividade de pilates correrá a cargo da fisioterapeuta do centro e responsable da Clínica de Fisioterapia Eva Senande. Para maior comodidade dos/as participantes, a esta sesión recoméndase traer unha esterilla e/ou toalla.

Desde a asociación Íntegro queremos agradecer a implicación e o compromiso de todas as persoas e entidades que están a colaborar na organización da Masterclass Solidaria entre as que se atopan o Concello de Cabana, as entidades financieiras de Abanca e LaCaixa, Global Grafic, Supermercados Eroski, RS Motor e a empresa de xestión social MáisPorvir.  Así mesmo, todos/as os/as que desexen realizar novas achegas aínda están a tempo de facelo. Serán recibidas cos brazos abertos. 

Esta acción solidaria non é a primeira que o centro pon en marcha para recadar fondos para mellorar os servizos que presta aos seus usuarios/as e incrementar os recursos dispoñibles ao seu alcance para proporcionarlles unha maior calidade de vida. 

Nos últimos anos, a entidade con sede en Nantón (Cabana), tamén promoveu unha campaña de crowdfunding para financiar a construción dun xardín terapéutico e a elaboración dun calendario solidario co que se obtiveron os fondos necesarios para a compra de material deportivo adaptado ás súas necesidades.

Na actualidade, contamos ademais cun programa de colaboración coa firma Decathlon para o subministro de material deportivo adaptado.  Vémonos mañá. Non faltedes!


post

Os institutos de Baio e Carnota súmanse á campaña de lesións medulares de Íntegro

Onte varios membros da entidade celebraron de maneira simultánea dúas charlas informativas ante un total de  50 alumnos/as

Encontro co alumnado do Ies de Carnota

Esta semana a asociación Íntegro retomou, e por partida dobre,  a campaña de prevención de lesións medulares nos centros educativos viaxando ata dous institutos da Costa da Morte. O alumnado do IES Maximino Romero de Lema (Baio-Zas) e do IES Lamas de Castelo (Carnota) foron os protagonistas dunha nova xornada de sensibilización para informar e concienciar sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular e a importancia da súa prevención.

Por unha banda, na xornada de onte, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña desprazouse ata o Ies de Carnota para manter unha charla informativa cun grupo de 30 estudantes de 3º e 4º da ESO. A actividade comezou coa proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”, editado pola entidade para amosar a realidade dunha doenza que cada vez afecta a máis persoas. A continuación, celebrouse un coloquio para incidir na necesidade de evitar riscos innecesarios en praias, piscinas e estradas, principais causantes da meirande parte dos sinistros entre os adolescentes.

 

Campaña de medulares no Ies de Baio

Pola súa banda, Teresa Alvarellos-socia e colaboradora do programa- fixo o propio pero, no seu caso, ante 18 alumnos/as de 3º de secundaria do Ies de Baio. Ademais, a través da súa testemuña achegoulles o día a día dun doente medular, facendo especial fincapé nas barreiras físicas e psicolóxicas que xuntos debemos derrubar. Un exemplo de forza e superación que deixou impresionados/as tanto aos estudantes como aos seus mestres.

 

Esta iniciativa, que se desenvolve con gran éxito nos centros de secundaria e primaria da Costa da Morte, está co-financiada pola Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña ademais de contar coa colaboración de numerosos concellos da Costa da Morte e varias empresas de carácter privado.